Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

La Xunta invirtió más de 22 millones en la mejora de bibliotecas escolares

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que, na aposta por ofrecer unha educación pública de calidade e con máis oportunidades, a Xunta leva investidos máis de 22 millóns de euros nunha década para mellorar as bibliotecas escolares, elementos fundamentais dos centros e aceleradoras de innovación.
Durante os actos de celebración do 175 aniversario do IES Arcebispo Xelmírez I, Feijóo explicou que este investimento desenvólvese a través do Plan de mellora de bibliotecas escolares -Plambe-, do que forman parte, neste momento, 711 centros, fronte aos 299 que o compoñían no curso 2009-2010. 
Esta iniciativa fai posible que o 73% dos alumnos dos centros públicos se estean xa a beneficiar das melloras acometidas grazas a este plan que, á súa vez, intégrase dentro do  plan LÍA 2016-2020, para dotar os centros de bibliotecas escolares útiles, sustentables e acorde coas necesidades do século XXI.

Como proba da utilidade da mellora das bibliotecas escolares, o titular do Executivo autonómico salientou que o 96% do alumnado destes centros fai uso cotián da biblioteca para a aprendizaxe; e o 94% destas bibliotecas teñen integradas as TIC nas súas actividades. 
Así mesmo, recordou que o Plan LÍA está a promover outros obxectivos neste eido como estender a rede de colaboración das bibliotecas con outros axentes sociais e tamén para implicar ás familias. “E, entre os retos tamén se atopa o de ofrecer experiencias lectoras, como son os Clubs de lectura que funcionan en 267 centros, entre eles este mesmo”, dixo, en alusión ao IES Arcebispo Xelmírez I. 

Unha educación pública cada vez con máis ferramentas
O presidente da Xunta aproveitou o acto para agradecer ao alumnado galego e a todos os profesionais da Educación pública galega a súa implicación e traballo para acadar un modelo de calidade, como así o referendan os últimos datos PISA, que sitúan Galicia á cabeza de España en competencia científica e nos primeiros postos en matemáticas, e en ambas competencias por riba da media da UE e da OCDE.
Ademais, Galicia continúa a ser a día de hoxe a comunidade máis inclusiva do Estado, co case 93% de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo escolarizado en centros ordinarios; este curso escolar hai preto de 4.000 profesionais dedicados á atención á diversidade, nos centros escolares galegos; e, nos últimos tempos diminuíu o dato de abandono escolar: un 14,3%, fronte a un 26% en 2009.
Para acadar estes obxectivos, salientou que Galicia conta con ferramentas como a aposta por reforzar as competencias STEM. E, conscientes do papel clave do profesorado no ensino, referiuse ás melloras continuas que se están a levar a cabo como unha maior  estabilidade a través das OPE.

Por último, e que co fin de recoñecer a traxectoria dos institutos históricos de Galicia, Feijóo recordou que se está a elaborar un decreto que permitirá a incorporación de novos centros nesta cualificación como as escolas de fundación, e especialmente as americanas coa diáspora como signo de identidade. 




Ad Code

Responsive Advertisement