Galicia é a comunidade onde máis creceu o turismo: un 6% fronte ao 1% estatal, superando os 5 millóns de visitantes

O presidente da Xunta asistiu esta noite en Madrid á entrega de recoñecementos Q Calidad Turística e Premios Q

GALICIA CERTIFICARÁ A CALIDADE DOS ALBERGUES SITUADOS NAS RUTAS Q QUE CUMPRAN OS REQUISITOS, UN REVULSIVO PARA O CAMIÑO E PARA O XACOBEO 2021

Galicia é a comunidade onde máis creceu o turismo: un 6% fronte ao 1% estatal, superando os 5 millóns de visitantes e batendo o noso propio récord de pernoitas, con case 11 millóns. //
A Xunta xa está a ultimar a folla de ruta para estes dous próximos anos, coa premisa da calidade non só para o Xacobeo 2021 e para os vindeiros, senón para esta nova década que estará marcada por un turismo máis sustentable //

O presidente da Xunta recolleu esta noite en Madrid un dos galardóns Q Calidad Turística e Premios Q, unhas certificacións nas que cada ano que pasa a Comunidade obtén un maior número en distintos ámbitos, copando a metade do total estatal nalgunhas categorías, como os aloxamentos rurais.
Nesta liña, cómpre salientar que Galicia certificará tamén a calidade dos albergues situados nas Rutas Q que cumpran os requisitos, unha medida que será un revulsivo para o Camiño e para o Xacobeo 2021.
Logo da sinatura do convenio de colaboración co Instituto para a Calidade Turística Española para a creación destas rutas, Galicia ratifica deste xeito a súa aposta pola calidade dentro do sector turístico galego e, especialmente, dos segmentos estratéxicos que máis o definen como son a paisaxe, o extenso litoral, os recursos termais e a enogastronomía.  

Así mesmo, os datos coñecidos esta mañá, referidos a 2019, referendan a importancia do sector para a Comunidade. Non en van, Galicia é a autonomía onde máis creceu: un 6% fronte ao 1% estatal, superando os 5 millóns de visitantes e batendo o noso propio récord de pernoitas, con case 11 millóns. 

Estas cifras son un excelente preámbulo para celebrar o mellor Xacobeo na mellor Galicia. Para iso, desde a Xunta, e en colaboración co sector, xa se está a ultimar a folla de ruta para estes dous próximos anos, coa premisa da calidade non só para o Xacobeo 2021 e para a era xacobea de 5.000 días que rematará en 2032, despois de acoller os xacobeos de 2027 e o de 2032, senón para esta nova década que estará marcada por un turismo máis sustentable.



Share: