Tellado: “Ogallá encontraramos no PSOE o sentido de Estado, a serenidade e a moderación que atopamos na Corona”.
Lamenta que o discurso dun dos dous grandes partidos estatais estea hoxe máis preto de ERC que da sensatez de Felipe VI.
Lamenta que o discurso dun dos dous grandes partidos estatais estea hoxe máis preto de ERC que da sensatez de Felipe VI.
Pide ao Goberno que dedique máis atención ás palabras do Rei que as de Quim Torra.
Agradece a sensibilidade do monarca ao lembrar aos galegos que sufriron os efectos das inundacións dos últimos días.
O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, valorou hoxe o discurso de Nadal do Rei Felipe e, tras valorar a idoneidade das súas palabras, apuntou que “ogallá encontraramos no PSOE o sentido de Estado, a serenidade e a moderación que atopamos na Corona”.
“Houbo un tempo no que a mesura da Casa Real tiña fiel reflexo nos dous grandes partidos estatais. Por desgraza un deles está hoxe máis preto de discurso de ERC que da sensatez de Felipe VI”, apuntou.
O dirixente popular considerou un acerto a reivindicación de Constitución feita onte polo monarca. Ademais, dixo que a súa defensa da diversidade territorial de España, compatible plenamente coa unidade do Estado, é a nosa forma de entender a política de hoxe fronte aos que queren facer negocio da ruptura do país.
De feito, o número dous do PPdeG considera entendible a preocupación de Don Felipe respecto a aqueles que están sementando dúbidas acerca do funcionamento dunhas institucións que, nalgúns casos, están sendo empregadas só para dividir e tensar a vida pública.
Tellado considerou que a mención a Cataluña feita polo Rei era unha carga de profundidade non só para os políticos que están intentando derribar ao país dende a Generalitat ou o Parlament, senón tamén para aqueles que branquean as súas accións dende o Palacio da Moncloa.
Ademais, agradeceu o xesto que tivo cos galegos que padeceron os efectos das inundacións nas últimas semanas, e puxo en valor o acerto de facer unha mención expresa a aqueles que aínda padecen o drama do desemprego. “A aqueles que aínda non superaron a crise económica de Zapatero é importante darlles ánimos agora que con Pedro Sánchez volven esas dificultades”, dixo.
Por último, cualificou de gran acerto a mención expresa feita polo Rei a esa sociedade civil que debe inspirarnos a todos. “Cando os políticos non están para dar exemplo aos cidadáns, os políticos deben buscar inspiración neles”, dixo. Por iso aproveitou para pedir ao Goberno que dedique máis atención as reflexións do Rei e menos ás de Quim Torra.