domingo

OS CONCELLOS PODERÁN ADHERIRSE ATA O 31 DE DECEMBRO AO PLAN DE LOITA CONTRA A VESPA VELUTINA ACORDADO ENTRE A XUNTA E A FEGAMP

Este Plan conta cun investimento de máis de 2,3 millóns de euros, grazas a fondos propios do Goberno galego e do Fondo de Cooperación Local.
A Administración autonómica asumirá a retirada de niños en todo o territorio galego e os concellos que formalicen a súa integración poderán xestionar esta tarefa de forma directa. 
A Xunta decidiu tomar medidas ante a proliferación da vespa velutina e redobrar esforzos para ofrecer unha resposta profesional e eficaz de forma homoxénea en tódalas zonas afectadas pola presenza desta especie.

A Xunta está a planificar as actuacións a realizar no marco do Plan de loita contra a vespa velutina acordado o pasado outubro coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o 2020 en todo o territorio galego. Nesta liña, a Administración autonómica lembra aos concellos galegos interesados en adherirse a este plan teñen de prazo ata o 31 de decembro para comunicar a súa decisión á Dirección Xeral de Administración Local.

A Xunta e a Fegamp acordaron poñer en marcha de maneira coordinada e conxunta este plan para eliminar os niños da vespa velutina na nosa comunidade, dotado con 2,3 millóns de euros, grazas a fondos propios do Goberno galego e do Fondo de Cooperación Local. O obxectivo desde Plan basease na concentración de recursos para ofrecer unha actuación profesional e eficaz. Desta forma, o Goberno galego asumirá os traballos de retirada de niños de forma homoxénea en todo o territorio galego afectado pola velutina.

As entidades locais que decidan unirse ao Plan deben informar da súa adhesión ao correo electrónico administracion.local@xunta.gal.  Ao tratarse dun plan de adhesión voluntaria, os concellos que formalicen a súa integración terán tamén a opción de xestionar directamente a retirada dos niños ou encargarlle esa tarefa a un terceiro, unha vez que se reciba o aviso no teléfono habilitado no 012. 

Estas actuacións están sendo levadas a cabo, polo de agora, con medios propios dos concellos en 124 municipios denominados colaboradores e coa participación dos GES, e tamén pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e pola Consellería do Medio Rural.

A Xunta conta desde o 2014 cun programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da vespa asiática na comunidade e, ante o aumento da súa presenza, decidiu redobrar os esforzos neste eido, e actuar en colaboración coa Fegamp para frear o avance desta especie invasora.