domingo

“O obxectivo final do PSOE sempre foi o peche da central das Pontes”

“Non imos consentir que os socialistas queiran converter Galicia nun deserto industrial. Ninguén en tan pouco tempo nos fixera tanto dano” di.

Tellado: “O obxectivo final do PSOE sempre foi o peche da central das Pontes”.

Insta á empresa e ao Goberno a buscar as fórmulas para reverter esta decisión e camiñar nunha transición enerxética xusta que non deixe atrás aos traballadores.

Lamenta que Gonzalo Caballero volva calar ante os ataques do seu partido aos intereses da economía, o emprego e a industria da nosa Comunidade.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lamentou este domingo que “o obxectivo final do PSOE sempre foi o peche da central térmica das Pontes” nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo presidente provincial do partido, Diego Calvo; o líder do PP de Ferrol, José Manuel Rey; e o portavoz popular nas Pontes, Javier Acosta.

Tellado comezou a súa intervención realizando un breve relato dos feitos que desembocaron na petición de peche da térmica por parte de Endesa. Deste xeito, lembrou que en 2016, a empresa presentara un plan para alongar a súa vida útil ata 2045 e adaptarse á normativa europea de emisións, cun investimento de máis de 200 millóns de euros. 

Pola súa parte, en xuño de 2018, Pedro Sánchez nomeou ministra a Teresa Ribera, a encargada de redactar uns meses antes un informe para o PSOE no que se pedía o peche das térmicas no máis curto prazo posible, co compromiso desde o primeiro día  acometer estas clausuras. En outubro de 2018, o Goberno eliminou o céntimo verde ás térmicas de gas e non ás de carbón, o que provocou que automaticamente o carbón deixase de ser competitivo. “Así, a central das Pontes quedou expulsada do mercado pola vía fiscal”, subliñou o secretario xeral.
Neste sentido, Tellado acusou aos socialistas de que “nunca lles importou o futuro dos 750 traballadores da central, das empresas auxiliares e transportistas; a situación na que quedaban as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, a industria de Galicia; nin que houbese unha transición enerxética xusta e ordenada”. 

Deste xeito, o número dous dos populares galegos reivindicou á súa formación como a única que defendeu que a central era viable, “se había vontade política para que o fose”. Deste modo, lembrou que propuxeron que o Goberno eliminase a fiscalidade que penalizaba a xeración de electricidade mediante o carbón; que a empresa mantivese a central activa a fin de gañar tempo e atopar alternativas, sempre mantendo os postos de traballo e a actividade industrial; e, finalmente, foron ante as autoridades europeas para que esta comarca se poida acoller aos fondos para a transición enerxética que estarán dispoñibles desde o ano 2021.

Así, o secretario xeral incidiu en que desde o PPdeG se entende que “unha transición enerxética xusta e ordenada require de responsabilidade por todas as partes” e pensar nas 750 familias que dependen da fábrica, na actividade económica e industrial desas comarcas e no futuro da industria galega. “Por iso nos sumamos á postura expresada pola Xunta de Galicia, e tamén entendemos que esta situación se pode reverter se a empresa e o Goberno aceptan sentarse e buscar fórmulas para a continuidade da central”, engadiu.

SÁNCHEZ QUERE CONVERTER GALICIA NUN DESERTO INDUSTRIAL
Tellado tamén expresou que “este partido non se resigna ante un Goberno que fixo do ataque á nosa industria unha das súas bandeiras”. Neste sentido, tamén lle agradeceu ao socialista Valentín González que se atrevese a plantarlle cara ao Goberno do seu partido, e comparou a súa actitude coa do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, do que entende que volve calar ante cada decisión negativa para a nosa Comunidade que toma o Executivo liderado por Pedro Sánchez.
“Desde o Partido Popular de Galicia non imos consentir que o PSOE queira converter a nosa Comunidade nun deserto industrial, como parece que é o seu obxectivo. Ninguén en tan pouco tempo lle fixera tanto dano á nosa industria como o Goberno Sánchez”, concluíu.

Tellado