O Goberno galego segue a planificar as actuacións co obxectivo de poñer en marcha
o Plan ao longo do vindeiro mes de xaneiro en todo o territorio galego.
O programa conta cun investimento de máis de 2,3 millóns de euros para que
a Administración autonómica, en colaboración cos concellos que se unan,
retire os niños da vespa velutina na nosa comunidade.
O Plan basease na concentración de recursos para ofrecer unha resposta profesional e eficaz de forma homoxénea en tódalas zonas afectadas.
POLO MOMENTO : MÁIS DE 160 CONCELLOS AMOSARON O SEU INTERESE
POR ADHERIRSE AO PLAN DE LOITA CONTRA A VESPA VELUTINA
ACORDADO ENTRE A XUNTA E A FEGAMP
A Xunta continúa coas actuacións para poñer en marcha o Plan de loita contra a vespa velutina acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Os concellos galegos teñen de prazo ata o próximo martes, 31 de decembro, para adherirse ao plan. Ata ao momento, máis de 160 entidades locais galegas amosaron o seu interese no programa e xa anunciaron á Dirección Xeral de Administración Local a súa intención de unirse de forma voluntaria.
A Administración autonómica reactivou esta semana o contacto coa Fegamp para a súa implantación en todo o territorio galego, co obxectivo de que poida estar operativo ao longo do vindeiro mes de xaneiro.
A Xunta e a Fegamp acordaron o pasado outubro poñer en marcha de maneira coordinada e conxunta este Plan, que conta cunha dotación de 2,3 millóns de euros, a través de fondos propios da Administración autonómica e do Fondo de Cooperación Local. O Goberno galego xa vén traballando desde o 2014 nun programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da vespa asiática na comunidade e, ante o aumento da súa presenza, decidiu redobrar os esforzos e actuar coa Fegamp coa posta en marcha deste Plan para frear o seu avance.
O Plan de loita contra a vespa velutina basease na concentración de recursos para eliminar os seus niños na nosa comunidade e ofrecer unha resposta profesional e eficaz de forma homoxénea en tódalas zonas afectadas. Desta forma, a Xunta, en colaboración cos concellos que se adhiran a este plan, realizará os traballos de retirada de niños da vespa velutina.
Estas actuacións están sendo levadas a cabo, polo de agora, de forma directa con medios propios dos concellos en 124 municipios denominados colaboradores, unha vez que se recibe o aviso no teléfono habilitado no 012. Tamén participan os GES, e persoal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e da Consellería do Medio Rural.