Galicia : nova Lei de residuos e solos contaminados fomentará a prevención e reutilización dos residuos e intensificará a loita contra os desperdicios alimentarios e os plásticos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o inicio da tramitación dunha nova Lei de residuos e solos contaminados que fomentará a prevención e a reutilización dos residuos e intensificará a loita contra os desperdicios alimentarios e os plásticos. 
Feijóo destacou que a nova lei “establecerá por primeira vez obxectivos e medidas cuantitativas”. Non só se propoñen obxectivos cualitativos, senón que se fixan metas a conseguir “porque esta é a mellor maneira de avaliarnos nesta materia”, engadiu.
Decididos a crear un marco legal que sente as bases para a implantación da economía circular, Feijóo aseverou que o novo texto actualizará o marco normativo da Comunidade de 2008 e contará con varios eixos de actuación co fin de mellorar a xestión dos residuos en toda a cadea: comezando por evitar que se produzan ao máximo que sexa posible e rematando por reducir no que se poida os desperdicios e ampliar a reutilización. 
No eido da prevención, o presidente da Xunta destacou o obxectivo de reducir nun 15% os residuos producidos en 2025, fronte ao 10% da lei básica estatal. “E para iso, poñeranse en marcha medidas de impacto como a prohibición a partir de 2020, cando entre en vigor a nova lei, da venda de pratos, vasos, cuncas e bandexas alimentarias desbotables de plástico”, precisou. 
No tocante á reutilización, Feijóo afirmou que o novo documento apostará por incrementar progresivamente a cantidade de residuos domésticos e comerciais destinados á preparación para a reutilización ou reciclaxe, chegando en 2020 ao 50%. Ademais de fomentar a reciclaxe de residuos de envases, co obxectivo de que no ano 2025 se recicle o 65% do peso de todos os envases e o 70% en 2030.

“En definitiva, trátase de reducir a eliminación de residuos para que o terceiro punto da cadea teña o menor impacto posible, que é o depósito en vertedoiro, para que en 2035, tal e como establece Europa, só se envíe un 10% da cantidade de residuos domésticos xerados”, abundou.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aseverou que grazas a este texto, que conta con 88 artigos e que agora inicia o seu proceso de participación e consulta, defínense mecanismos para avanzar en cuestións que xa forman parte da axenda europea, como é a redución do desperdicio alimentario e a loita contra a contaminación xerada polo plástico, culminando a adaptación á normativa sobre as bolsas dun só uso e prohibindo a venda de vaixela desbotable e de plástico.
Así mesmo, explicou que a nova lei tamén aborda a contaminación dos solos, recollendo a actualización das actividades potencialmente contaminantes; ademais de regular os instrumentos de avaliación e calidade dos solos, de establecer garantías financeiras e de fixar novas sancións neste eido.
Ángeles Vázquez salientou que, neste reto, Galicia parte dunha boa posición ao contar cun modelo de xestión de residuos como o que representa o complexo medio ambiental de Sogama. Un referente claro que prevé acadar o vertido técnico cero en 2020, 15 anos antes do que marca Europa e grazas aos investimentos da Xunta para modernizar e ampliar as súas instalacións en Cerceda.



Copyright © RÍAS BAIXAS TRIBUNA. Designed by OddThemes