Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

"O Marisquiño". Rueda pon en valor a actuación dos servizos de emerxencias na noite do 12 de agosto e propuxo novas medidas para mellorar a seguridade no futuro.

A XUNTA DESTACA A ACTUACIÓN DOS SERVIZOS DE EMERXENCIA NO MARISQUIÑO E PROPÓN NOVAS MEDIDAS PARA MELLORAR A SEGURIDADE

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no seo da Comisión de investigación parlamentaria sobre o accidente ocorrido en Vigo o pasado 12 de agosto
Rueda agarda que a comisión sexa útil, permita aprender dos erros e avanza que o Goberno galego tomará nota das súas conclusións
Lamenta que exista falta de colaboración por parte dalgunha institución e indica que os máis de 460 feridos do sinistro merecen explicación

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no seo da Comisión de investigación parlamentaria sobre o accidente do Marisquiño, onde puxo en valor a actuación dos servizos de emerxencias esa noite do 12 de agosto e propuxo novas medidas para mellorar a seguridade no futuro.

As primeiras palabras da súa intervención dirixiunas a manifestar, unha vez máis, a súa solidariedade coas vítimas e os seus familiares. Fixo fincapé en que os máis de 460 feridos no sinistro merecen unha explicación, polo que lamentou a falta de colaboración por parte dalgunhas institucións á hora de esclarecer o acontecido.

Tamén agradeceu a profesionalidade e disposición dos servizos de emerxencias e  emerxencias sanitarias durante aquel día. Como exemplo da súa actuación, recordou que a primeira alerta entrou no 112 ás 23,55 horas, e que ás 2,59 horas xa se estaba evacuando o último ferido. Entre o 12 e o 13 de agosto, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias CIAE112 atendeu 3.052 chamadas.

Polo tanto, o traballo dos servizos de emerxencias e sanitarios funcionou axeitadamente, a pesar de que se detectaron algúns aspectos mellorables. Neste sentido, cómpre recordar que o concello de Vigo non informou ao 112 da activación do Plan de Emerxencia Municipal (PEMU) e, en consecuencia, non se puido activar o Platerga en situación 1.

Do mesmo xeito, desde o concello tampouco se informou da emerxencia ao CIAE-112 nin á Axencia Galega de Emerxencias (Axega). De feito, o CIAE-112 segue sen dispoñer do número do alcalde de Vigo nin do concelleiro delegado.

Novas medidas
O acontecido e a propia Comisión de investigación parlamentaria deben servir para aprender dos erros e evitar que se produzan no futuro outros accidentes destas características. Neste sentido, o vicepresidente avanzou algunhas novas medidas nas que xa está a traballar a Xunta e adiantou que a Administración autonómica tomará nota das conclusións da Comisión para seguir mellorando. 

Entre as accións que se porán en marcha, sinalou que se remitirá unha notificación para que se convoquen as Xunta locais de seguridade, con todos os seus membros, ante grandes eventos. Entre as competencias destas xuntas, está acordar plans específicos de colaboración e coordinación para desenvolver no municipio. Nestes encontros, deberán estar representados o concello, as forzas e corpos de seguridade, o Goberno central, e a Xunta.

Tamén para garantir ao máximo a seguridade, a Administración autonómica esixirá -ademais do Plan de emerxencias- a constitución dun Posto de Mando Avanzado (PMA), en contacto directo co 112, en eventos con máis de 20.000 asistentes e de características de risco. Isto xa se está realizando en eventos como o Son do Camiño, o entroido de Verín ou a Arribada.

Nesta mesma liña, tamén se porán en marcha outras medidas como a integración no Platerga (Plan territorial de Emerxencias de Galicia) do Plan de comunicación de emerxencias de Galicia, que está actualmente en borrador a espera da melloras que queiran achegar os servizos operativos. Integrarase no Platerga para así darlle obrigatoriedade e evitar problemas de falta de comunicación entre os distintos servizos e o 112. Do mesmo xeito, pedirase á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que actualicen os contactos dos responsables de emerxencia dos concellos.

Ademais, modificarase o decreto de plans de autoprotección de Galicia, para que sexa obrigatoria a certificación da inscrición do plan de autoprotección no rexistro da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para poder outorgar a licenza. Tamén se recordará aos concellos a necesidade de prestar atención ao cumprimento dos aforos. A Lei de Espectáculos sanciona como falta grave cando o feito de superar o aforo non supón un risco grave para a seguridade, e como moi grave se implica un alto risco. As sancións van de 301 ata 30.000 euros no caso de falta grave, e de 30.0001 a 600.000 euros cando son moi graves.

Lei de espectáculos
O vicepresidente tamén explicou como funciona o procedemento establecido na Lei de Espectáculos de Galicia -aprobada no Parlamento galego sen ningún voto en contra- para a autorización deste tipo de festivais.

Así, a nova Lei de espectáculos, que entrou en vigor antes da celebración do Marisquiño, aclara que é función dos concellos outorgar as licenzas que correspondan. Na norma establécese tamén que todos aqueles espectáculos que teñen plan de autoprotección deben ser autorizados a través dunha licenza e, segundo a normativa, o Plan de autoprotección é necesario nos espectáculos públicos cunha asistencia superior a 20.000 persoas ou que supoñan unha especial situación de risco, todos eles criterios que cumpría o Marisquiño.

Esta licenza debe tramitarse polo procedemento establecido na Lei de emprendemento, isto é, unha vez emitidos os informes necesarios que determinen o cumprimento da normativa aplicable. Estes informes refírense, polo tanto, a cumprir a normativa reguladora en materia de seguridade para artistas, público e persoal técnico; solidez das estruturas e funcionamento das instalacións; garantías de instalación eléctricas; prevención e protección de incendios; salubridade, hixiene e acústica; protección do entorno urbano; accesibilidade e supresión de barreiras; e Plan de autoprotección.


Ad Code

Responsive Advertisement