TODAVÍA... XOSÉ MANUEL BEIRAS

Miles de persoas despediron onte no Museo do Pobo Galego, a Xosé Manuel Beiras Torrado, a voz do noso nacionalismo e desde o seu pasamento, pai da nosa Patria. Eu pasei a noite inquedo porque, pese a que xa chegara os noventa anos, Beiras é unha de esas figuras senlleiras que todos pensabamos que non tiña data de caducidade. A sua imaxen se fixóu na miña mente e por ela desfilaron cadros e lembranzas sobre a sua vida e os nosos encontros. O derradeiro deles, o mais sinxelo: atopábase mercando alimentos nun supermercado da nosa City e ambolos dous lle dimos palique as cousas do país, que para il tampouco andaba ben.

Cando Beiras te miraba transmitía credibilidade por ises ollos azuis que racharon coa pana en aqueles anos sesenta de Compostela. Cando falaba o facía como un sabio erudito, de ahí o pracer de escoitalo. Entrevisteino varias veces para a radio e para a televisión e sempre creín no que me estaba a falar, cousa que non ocorría cando me atopaba fronte outros políticos     

Apreciabao como persoa e a súa presenza tamén me traía lembranzas do seu pai, o ancián venerable máis entrañable que coñecín.

Tiña unha maneira de falar admirabel e foi moi querido neste país, aínda que os seus rivais políticos tentaron sempre de retratar a súa notable personalidade como excéntrica. Iso é típico daqueles que queren pero non poden alcanzar o seu nivel intelectual, que está ao alcance de moi poucos.

Ademais, Beiras foi un intelectual simpático, un deses capaces de pronunciar un monólogo sobre política con máis humor que calquer humorista.

Vouvos facer un breve resumo das súas citas famosas das que me acordo…

—– Rajoy non ten lingua. Ten un filete.

—– Fraga tiña unha cabeza moi grande. Era intelixente e moi erudito.

—– ¿Venezuela? Non se debe buscar a palla no ollo doutra persoa cando se ten a viga no propio.

—– O contido semántico que lle dou á palabra liberdade é diferente ao do Sr. Feijóo. O seu comeza con Termidor e o meu, con Locke.

—– Amancio Ortega era unha persoa moi intelixente. Para entendelo, hai que coñecer a Rosalía, a súa primeira muller, que foi moito máis interesante.

—– Verstrynge contoume que Karina Falagan perdeu a roupa interior no cuarto de Fraga…

Beiras respondía ás preguntas coma unha apisonadora… pero sempre tiña argumentos para demostrar que sabía do que falaba. Sufriu unha crise nerviosa en 1977 «porque estaba convencido do que ía pasar coa Constitución e, ademais, tiña problemas persoais». Sempre di que os 14 psiquiatras que o trataron desistiron del: podía con eles.

Sorpréndeume moito o que me dixo sobre Fraga…

—– Nos seus últimos anos, Fraga quixo pasar á historia coma se aceptara que Galiza podía ser unha nación á par con Cataluña e iniciamos un diálogo institucional. Despois, a maior parte non se puido levar a cabo porque estaba bloqueado polo seu propio partido. Fraga era moi forte coa xente de abaixo e débil coa de arriba.

E cando lle preguntabas polo tema catalán, dábache unha clase maxistral…

—- Unha cousa é o que se di para axudar a crear unha imaxe do grupo cun obxectivo concreto e outra é a realidade do espectro ideolóxico catalán. As enquisas din que o 80 % dos cataláns esixen o dereito a decidir, pero os que apoian a independencia son o 30 %. Son cidadáns conscentes de que queren exercer o seu dereito a decidir mesmo que non apoian a independencia. En España, están a ser violadas a Carta da ONU e o Título I da Constitución. E iso tamén ocorre na UE. Por exemplo, cando o pobo grego vota dun xeito determinado e o señor Schäuble di que non vai cambiar as políticas. Iso dicían os americanos: pódese votar, pero só se se vota correctamente. Se non, pois ben, é un golpe de estado.

Non imaxinades o que sinto eu o seu pasamento. Para min foi o verdadeiro líder do nacionalismo galego ao longo da historia, pero cando creía que estaba ata rexuvenecido chegou a mala vella coa sua gadaña na man e obligouno a traspasar a porta do alén. Pero estou seguro de que no seu Vanhala foi recibido polos vellos camaradas e estarán neste momento de troula, a rirse todos de este mundo no que nos quedamos algúns que, o mellor, tamén deberíamos acompañalo.  Así que, hasta pronto, profesor.  

XERARDO RODRÍGUEZ

Director de Galicia Única