
O Colexio Profesional de Xornalistas disponibiliza a análise dos resultados da súa enquisa sobre información municipal, levada a cabo en 2025 e que recolle as valoracións de 56 profesionais da información das sete cidades galegas. Cos datos recollidos naquel momento, preséntase agora unha análise, realizada de maneira anonimizada, que presenta unha diagnose sobre o estado da cuestión, detecta eivas e fai recomendacións que poidan axudar a unha maior eficiencia no traballo tanto dos medios como dos gabinetes institucionais. O informe presenta conclusións xerais, análises individualizadas de cada cidade e unha reflexión final sobre a responsabilidade de xornalistas e medios de comunicación no deterioro da calidade da información municipal.
Entre os principais problemas detectados pola enquisa, denótase que existe nas cidades de Galicia unha tendencia á centralización da información no goberno municipal, a través do filtro dos gabinetes e da concentración da comunicación pública na figura do alcalde ou alcaldesa. Rexístranse limitacións no número de comparecencias, o envío de audio ou vídeos con declaracións ou dificultades para acceder ás concelleiras e concelleiros e ás fontes documentais. Estas prácticas, producidas con máis ou menos intensidade, chegan nalgúns casos a extremos especialmente preocupantes e son especialmente denunciadas polas compañeiras e compañeiros de Ourense e Vigo. Ademais, hai xornalistas que denuncian “presións” e “ataques” desde os concellos para intentar condicionar o seu traballo, e recóllense ameazas de supresión da publicidade institucional.
Outras eivas detectadas teñen que ver cun trato non equitativo en función do medio no que exerzan a profesión ou coa a confusión xeneralizada entre as e os xornalistas sobre quen integra os gabinetes, ademais da demora na resposta por parte dalgúns equipos de comunicación dos concellos. Malia todo isto, a enquisa revela o esforzo cotián da profesión por non caer na autocensura e por exercer o xornalismo con honestidade e sentido crítico.
Desde o Colexio de Xornalistas propóñense algunhas medidas para solucionar estas eivas nos concellos galegos, como o estabelecemento de comparecencias regulares para responder ás preguntas da profesión, tanto das alcaldesas e alcaldes como doutros representantes municipais; a limitación a casos excepcionais do envío de audios ou vídeos con declaracións; a extensión da práctica dos gabinetes de facilitar toda a documentación pública solicitada por xornalistas e o contacto directo cos responsables municipais; ou a identificación clara de quen forma parte do gabinete de comunicación do Concello e quen dos diferentes grupos municipais da corporación.
Tamén se fai un chamamento ao conxunto de xornalistas a reflexionar sobre o efecto de certas prácticas, como aceptar comparecencias sen preguntas ou reproducir información sen posibilidade de contraste, sobre a calidade do produto xornalístico ofrecido. Do mesmo xeito, e entendendo que moitas destas eivas proveñen da precariedade xeral do xornalismo, cómpre que as empresas fortalezan as redaccións para mellorar a información ofrecida á sociedade.
