CPXG reivindica respeto al Periodismo deportivo, cada día más pisoteado por los clubs
rbtribuna
O pasado 17 de agosto, na comparecencia posterior ao partido celebrado en Riazor entre o Deportivo e o Elche, varios xornalistas quixeron preguntar sobre as protestas que desde a bancada realizou a afección deportivista. O club vetou estas cuestións, afirmando que non eran procedentes, malia a seren formuladas de maneira respectuosa e posuíren un interese informativo evidente. Ante esta actuación, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresou publicamente o seu rexeitamento á censura dun exercicio básico do xornalismo, como é o de preguntar, e dirixiuse por escrito ao departamento de comunicación do club para trasladarlle o seu descontento e reclamar que unha situación así non se repita.
Desgrazadamente, lonxe de tratarse dun caso único, este episodio debe verse como un síntoma máis do deterioro que, como outras especialidades xornalísticas, está a sufrir a cobertura da actualidade deportiva na nosa contorna. O control da información, a dilución en formatos mixtos ou directamente de entretemento ou a redución das coberturas a unha simple relación dos resultados do fútbol masculino son cuestións que están a facer perigar o bo exercicio do xornalismo deportivo.
Hai xa máis dunha década que, especialmente no fútbol, comezou a obstaculizarse o traballo das e dos xornalistas, nun primeiro momento restrinxindo a entrada aos adestramentos ou aos terreos de xogo e limitando o acceso aos protagonistas. Esta situación complicouse aínda máis coa pandemia do coronavirus, cando se xeralizaron contidos realizados polos propios equipos, que proporcionaban aos medios vídeos e audios pregravados, imaxes seleccionadas e mesmo entrevistas completas. Moitas conferencias de prensa, se existían, non permitían preguntas, e as entrevistas a xogadores pasaron a realizarse baixo un férreo control por parte dos gabinetes de comunicación.
Boa parte destas medidas realizáronse baixo a escusa de preservar o negocio dos clubes, estabelecendo ao mesmo tempo unha xerarquía entre medios de comunicación que diferenciaba o acceso á información daqueles que pagan polos dereitos de retransmisión e os que non. Sen cuestionar o dereito das entidades deportivas a rendibilizar os seus investimentos, isto non pode xustificar pór trabas ao dereito á información da cidadanía, do mesmo xeito que unha empresa privada non pode ocultar información ou que unha administración non pode favorecer aos medios da súa mesma tendencia ideolóxica.
Ao tempo que se dificulta o acceso de informadoras e informadores, as entidades deportivas non poñen reparo en que o cadro comparta tempo con influencers ou acuda a espazos nas redes dirixidos por afeccionados. É un exemplo máis dun modelo que sacrifica o xornalismo en prol dun infoentretemento que constantemente dilúe a súa parte informativa. Esta práctica, por desgraza, é cada vez máis habitual tamén nos medios, incluidos os públicos que deberan ser referentes nas boas prácticas xornalísticas. Por suposto que existe espazo para o entretemento ou a comunicación amadora, mais este non pode crearse mediante a desaparición dun xornalismo profesionalizado necesario para a fiscalización do deporte e o correcto traslado da información
Cómpre lembrar que, tamén neste eido, recibir unha información veraz, profesional e plural é un dereito da cidadanía. Como actividade humana cunha relevancia notoria na nosa sociedade, o deporte significa moito máis que unha simple competición física, e a importancia de cubrilo correctamente non debe ser menosprezada. Os problemas da información deportiva, coas súas particularidades, forman parte da crise xeral do sector, mais foron se cadra demasiado tempo ignorados. Reivindicar o labor do bo xornalismo deportivo, hoxe, significa tamén defender os principios básicos da profesión.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
