Preto do 70% dos galegos entre 65 e 74 anos empregan Internet, fronte ao 53% de 2020


OS GALEGOS E GALEGAS DE 16 A 44 ANOS SUPERAN A MEDIA ESTATAL EN COMPETENCIAS DIXITAIS BÁSICAS E AVANZADAS

Á cabeza está o grupo de idade de 25 a 34 anos, no que a porcentaxe de capacitación dixital sitúase no 93,2%, 11 puntos máis que a media estatal
 
O 64,1% dos galegos ten competencias dixitais básicas e avanzadas, 8,5 puntos por riba da a media europea e a só 2,1 puntos da media estatal
 
O 36% da poboación de Galicia dispón dun nivel avanzado de competencias dixitais en todas as áreas: acceso á información, comunicación, creación de contidos, resolución de problemas e seguridade
A proporción de cidadáns que non usan internet en Galicia baixou máis dun 20% nos dous últimos anos

Os galegos e galegas de 16 a 44 anos superan a media estatal en competencias básicas e avanzadas. Á cabeza está o grupo de idade de 25 a 34 anos, no que a porcentaxe de capacitación dixital está no 93,2%, 11 puntos máis que a media estatal. A continuación, está o tramo de idade de 16 a 24 anos, no que o 86,9% dispón dese nivel de habilidades dixitais, 3 puntos por riba da media estatal, e en terceiro lugar, o 76,6% dos galegos e galegas de 35 a 44 anos.

A partir dos 45 anos descende a porcentaxe de galegos e galegas con competencias dixitais, de forma leve ata os 54 anos, cunha diferencia de menos dun punto con respecto ao conxunto do Estado; e de forma máis acusada nos tramos de idade dos 55 a os 74 anos con diferencias que superan os 5 puntos.

Estes datos do Informe de “Competencias Dixitais da poboación galega 2023”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, apuntan á idade como un dos factores con máis peso na capacitación dixital da sociedade.

Segundo o documento, publicado hoxe, o 64,1% dos galegos e galegas conta con competencias dixitais básicas e avanzadas, o que supón un crecemento de 2,4 en dous anos e a redución da fenda coa media estatal a 2,1 puntos. Estas cifras sitúan a Galicia na sétima posición da clasificación estatal en competencias dixitais básicas e avanzadas e 8,5 puntos por riba da media europea, que está no 55,5%.

O informe sinala que o 36% dos galegos posúe competencias dixitais avanzadas nas cinco áreas que establece o indicador de competencias dixitais, é dicir, que mais dun terzo dos galegos e galegas dispoñen de nivel avanzado de habilidades dixitais na obtención de información e alfabetización, comunicación, creación de contidos, resolución de problemas e seguridade. Outro dos datos destacados do informe é que, nos últimos dous anos, reduciuse nun 20% a porcentaxe de galegos que non emprega internet.

Xunto coa idade, a formación é tamén un dos factores determinantes no nivel das habilidades dixitais. O 90,3% dos galegos e galegas con grao universitario dispoñen de competencias dixitais básicas e avanzadas fronte ao 87,7% da media estatal; así como o 73,1% galegos que teñen cursado o bacharelato, a 3 puntos da media estatal. Ademais, a porcentaxe de estudantes galegos con estas habilidades sitúase no 94,7% fronte ao 86,4% do estudantes do resto do Estado.

Por áreas competenciais, Galicia sitúase a unha importante distancia da media europea en todas as dimensións e reduce distancias coa media estatal. Máis do 86% dos galegos posúe competencias dixitais básicas ou avanzadas na busca de información e comprobación de datos; preto do 91% da poboación galega conta cun nivel básico ou avanzado na comunicación a través de internet: preto do 85% dos galegos dispón destes niveis de habilidades para a resolución de problemas e o 76,6 % contan con capacidades básicas ou avanzadas en materia de seguridade. A creación de contidos dixitais é área menos estendida en Galicia cun 71,5% de galegos con competencias neste ámbito.

Competencias Dixitais

O nivel de competencias dixitais é o principal indicador de dixitalización dos cidadáns, utilizado como referente básico en toda a Unión Europea dende 2015. Elabórase a partir do Marco de Competencias Dixitais para o Cidadán.

A Estratexia Galicia Dixital 2030, que está a desenvolver a Xunta, asume o obxectivo definido pola Comisión Europea de facilitar a capacitación dixital á cidadanía para que poida desenvolverse a nivel persoal, participar no conxunto da sociedade como cidadáns activos, utilizar os servizos públicos e exercer os seus dereitos básicos.

Para facilitar este obxectivo Galicia aprobou un Marco Galego de Competencias Dixitais que permitirá aos galegos e galegas acreditar as súas habilidades dixitais ante calquera instancia. Ademais, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia está a desenvolver un Plan de Reforma e Ampliación da Rede de aulas públicas CeMIT, con dotación de novo material innovador e un reforzo da formación en tecnoloxías Innovadoras.

Converxencia coa UE

A Rede CeMiT, integrada por 96 aulas e con preto de 115.000 usuarios, é un dos instrumentos principais na capacitación dixital da sociedade galega, e xunto coa mellora da conectividade grazas aos diferentes plans de banda larga impulsados pola Xunta entre 2010 e 2020, tivo un papel fundamental no obxectivo de converxer con Europa na dixitalización de Galicia.

Os últimos datos do INE sinalan que preto do 93% dos fogares galegos contan con Internet contratado e máis do 92% dos galegos emprega internet. Galicia creceu naqueles indicadores nos que partía con desvantaxe, como no acceso á internet nos tramos de idade máis elevados ou na contratación deste servizo nos concellos de menor tamaño.

Hoxe, preto do 70% dos galegos e galegas de entre 65 e 74 anos empregan internet, fronte ao 53% de 2020. Entre a poboación máis nova, por debaixo dos 35 anos, o uso de Internet é practicamente universal, nuns valores moi similares ao dos do conxunto do Estado

Por hábitat, nos concellos de menos de 10.000 habitantes os fogares con conexión a internet superan o 91%; nos de 10.000 a 20.000 a porcentaxe acada o 93%; nos de 20.000 a 50.000 sitúase en preto do 95% e nos de 50.000 a 100.000 habitantes o 100% dos fogares dispoñen de conexión a internet.