Ad Code

Ad Code

Pontevedra será a anfitrioa do XVII Certame Galego de Bandas de Música Populares

A cidade de Pontevedra será a anfitrioa do XVII Certame Galego de Bandas de Música Populares que se celebrará no vindeiro mes de outubro.

A Federación Galega de Bandas de Música Populares abre as inscricións para participar no XVII Certame Galego, que este ano terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra os días 18, 19 e 20 de outubro. Este evento, patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), supón un punto de encontro ineludible da cultura bandística.

Contacto: certame@bandas.gal 

Nesta ocasión Pontevedra colle o relevo do Certame Galego, tras as anteriores edicións realizadas nas provincias de Ourense e A Coruña. No último encontro organizado en Narón, foron máis de 500 músicos de 11 agrupacións diferentes os que subiron ao escenario do Pazo da Cultura, arroupados por un total de 2.000 espectadores presenciais e máis de 17.000 visualizacións da emisión en directo a través da canle de YouTube (@bandas). Daquela ocasión, a Banda Municipal de Caldas de Reis conseguiu o primeiro premio na máis alta categoría. Ademáis, na cerimonia de clausura o pleno do xurado comunicou o fallo dos premios do XVI Concurso Galego de Composición, nunha convocatoria que bateu históricos de participación.

A realización da vindeira edición na provincia de Pontevedra implica recoñecer a importancia da que goza este territorio galego no eido das bandas de música, xa que na actualidade, máis da metade das bandas federadas pertencen a esta provincia. Do mesmo xeito que nas edicións anteriores, cada unha das bandas participantes deberá interpretar un peza de presentación, unha obra de libre elección e outra de autoría galega proposta pola organización, correspondente a obras premiadas en anteriores edicións do devandito concurso de composición. As obras seleccionadas nesta ocasión para a súa estrea absoluta durante estas xornadas son:
- Imaxes Olívicas, de Santiago Barreira Davila
- Unha rapsodia galega, de Sergio Rodríguez Pena
- Lembranzas, de Pere Sanz Alcover
- Jakobsland, a terra de Santiago, de Álvaro Cámara López
- A moura galega, de Frank J. Cogollos Martínez

Unha vez máis, a programación e grabación en alta calidade destas obras con selo cultural de Galicia evidencia o compromiso e implicación das nosas bandas pola creación cultural e adaptación dos colectivos ás novas correntes creativas. Asimesmo, materializa o apoio aos compositores, motivándoos a seguir escribindo música para este tipo de formacións. Alén das seccións terceira, segunda e primeira, os músicos máis novos terán a oportunidade de participar nas respectivas seccións infantil e xuvenil. Neste senso, a incorporación das novas xeracións nas bandas de música xa é unha realidade, e o relevo xeracional está garantido mentres se sigan apoiando as bandas formadas por mozas e mozos en formación nas nosas escolas de música.

Este evento convócase con posterioridade ao convenio que asinou a pasada semana entre a FGBMP e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a través de AGADIC. Este convenio, que neste ano incrementou o seu orzamento ata os de 200.000 €, permitirá a realización dun amplo abano de actividades que abrangue dende encontros, concertos, festivais e actividades formativas ata a realización dunha residencia artística que se celebrará na Cidade da Cultura. As bandas dispoñen ata o día 19 de maio para transmitir á organización o desexo de participar nesta nova edición, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, e a colaboración tanto do Concello como da Deputación de Pontevedra.