Responsive Ad Slot

Latest

latest

A AECT reclama de novo mellorar as conexións ferroviarias Galicia-Portugal




Texto : RBTRIBUNA. Foto : D. R.
......................................................

A XUNTA APOSTA POR REFORZAR A COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA NA EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL EN ÁMBITOS COMO A MOBILIDADE ACADÉMICA, CULTURAL E CIENTÍFICA

O director xeral da Xunta, de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participaron hoxe na reunión da asemblea da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, na que se aprobou o plan de traballo e o orzamento para este ano
O organismo manterá as reclamacións sobre a necesidade de mellorar as conexións ferroviarias como a velocidade alta Vigo-Porto ou de materializar o Estatuto do Traballador Transfronteirizo

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participaron hoxe na reunión da asemblea e o consello superior da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, na que se aprobou o plan de actividades e o orzamento do organismo para este exercicio.

Ao encontro tamén asistiron os vicepresidentes da Comisión de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), Célia Ramos, Jorge Sobrado e Ana Gomes, e o director e o subdirector da AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Nuno Almeida e Xosé Lago, respectivamente.

Tamén se fixo balance das principais levadas a cabo pola entidade ao longo de 2023, entre elas, a sinatura o pasado novembro do protocolo co Consello Sindical Interrexional Galicia- Norte de Portugal, para mellorar as condicións socio-laborais dos traballadores transfronteirizos; a celebración do 2º Encontro de AECT Ibéricas en materia de cooperación transfronteiriza ou o 1º Seminario de Directores e Editores de Medios de Comunicación da Eurorrexión organizado o pasado xuño co obxectivo de debater a situación no sector e encontrar novas vías de colaboración.

A Asemblea e o Consello Superior da AECT da Eurorrrexión Galicia-Norte de Portugal comprometéronse a continuar a apoiar a mobilidade académica a través do programa IACOBUS de cooperación coa ensinanza superior de Galicia e Norte de Portugal, que neste 2024 celebra 10 anos e que se amplía cara unha Rede Eurorrexional de Coñecemento e Innovación. Ademais, lanzaranse novas convocatorias do IACOBUS para estadías, publicacións científicas e patentes. Desde o seu comezo, este programa conseguiu desenvolver a cooperación transfronteiriza no ámbito da I+D+i entre universidades, centros tecnolóxicos e institutos politécnicos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Do mesmo xeito, a AECT ampliou o seu compromiso incentivar o intercambio cultural na Eurorrexión a través do programa Nortear e a cooperación transfronteiriza noutros sectores estratéxicos para Galicia e o Norte de Portugal, como o turismo, a través do proxecto Clustertur_GNP, que visa a creación dun clúster transfronteirizo na Eurorrexión.

Na xuntanza, tamén se acordou fomentar a cooperación nos sectores aeroespacial, da enerxía verde e do agroindustrial, a través dos outros programas en execución polo organismo.

Por último, reafirmouse o compromiso co impulso da mobilidade xeográfica e da cooperación de proximidade. A AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal continúa a reclamar un Estatuto do Traballador Transfronteirizo ou a mellora nas conexións ferroviarias, coa aposta firme no tren de alta velocidade Vigo-Porto. Nesta liña, estase a impulsar un grupo de traballo coas diferentes entidades transfronteirizas de cara ao próximo Cumio Ibérico deste ano.




Don't Miss
© all rights reserved
made with by templateszoo