El llamado "Porco Celta" continúa recuperándose en Galicia incluso con modelo ecológico
- A XUNTA PON EN VALOR A CRÍA DE PORCO CELTA EN ECOLÓXICO NA ALDEA MODELO DE MOREDA EN FOLGOSO DO COUREL
Esta iniciativa é un exemplo clave da dinamización do rural e anticipación aos lumes forestais mediante o aproveitamento de recursos e a gandaría en extensivo, dentro do marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia
A aldea modelo de Moreda ten unha superficie de 38,86 hectáreas e está conformada por 73 parcelas de 44 propietarios.
A aldea modelo de Moreda, no concello lucense de Folgoso do Courel, é un piar fundamental para a dinamización da zona e enmárcase dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Neste proxecto implementouse unha granxa en extensivo dedicada á cría de porco celta en ecolóxico que está en funcionamento. Ademais, no marco deste proxecto prevese potenciar outras iniciativas de apicultura e o cultivo de hortalizas e árbores froiteiras.
Esta aldea modelo é un dos xeitos de anticiparse aos lumes forestais mediante o aproveitamento dos terreos. Neste caso, conta cunha superficie de 38,86 hectáreas, con 73 parcelas de 44 propietarios.
Para desenvolver esta aldea modelo, a Xunta levou a cabo diversos traballos, incluíndo a implementación de peches e cerramentos, infraestruturas gandeiras, instalacións de manexo e alimentación gandeira, acondicionamento de camiños ou recuperación de muros tradicionais, entre outras.
Aldeas modelo e polígonos en Lugo
As aldeas modelo buscan devolver á produción terras con boa aptitude agronómica que se atopen en estado de abandono ou infrautilización, impulsando deste xeito nova actividade económica agroforestal que non só fixe poboación e xere riqueza na contorna; senón que tamén reduza o risco de incendios forestais e mellore a calidade de vida dos veciños dos núcleos que se busca poñer en valor.
En Galicia hai un total de 21 aldeas modelo declaradas, das cales cinco están situadas na provincia de Lugo, nos concellos de Sober, Quiroga, O Incio, a Pobra do Brollón e Folgoso do Courel. Os usos destas tres últimas, que se atopan a pleno rendemento, destínanse á gandaría en extensivo de vaca cachena, no Inicio e na Pobra do Brollón, e de porco celta a de Folgoso do Courel.
Así mesmo, do total de 23 polígonos agroforestais que hai en diferentes fases de execución en Galicia, na provincia luguesa atópanse o de Ver en Bóveda e o de Barcia no concello de Navia de Suarna. Nestes proxectos de iniciativa pública prevese a recuperación das terras a través de sistemas agroforestais, cultivos leñosos, gandaría e cultivos agrícolas, entre outras posibles actividades secundarias.