Galicia) Incorporan ao catálogo de árbores senlleiras a nogueira do Camiño Vello (Triacastela)

rbtribuna.

A XUNTA INCORPORA AO CATÁLOGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS A NOGUEIRA DO CAMIÑO VELLO, LOCALIZADA no concello de TRIACASTELA

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se fai pública a inclusión deste exemplar atendendo ás súas características dendrométricas, á súa singularidade e á beleza do seu porte

A Xunta de Galicia incorpora ao Catálogo galego de árbores senlleiras a Nogueira do Camiño Vello (Juglans regia L), no concello de Triacastela, segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, que salienta as características dendrométricas, a singularidade e a beleza deste exemplar.

A Nogueira do Camiño Vello, con 9 metros de altura e 7 metros de circunferencia e cunha inclinación de 40º cara ao leste, enraizada directamente na rocha localízase ao carón da Casa da Ponte, vella ferrería onde en 1812 a Xunta Superior de Galicia instalou un hospital de tránsito para atender a soldados enfermos que loitaban contra as tropas francesas durante a Guerra de Independencia.

O seu vasto toro e as súas cavidades, algunhas delas completamente abertas, mostran o inescrutable paso do tempo, as inxerencias do clima e dos insectos que nela habitan.

Unha ferramenta en constante actualización

O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso da Nogueira do Camiño Vello.

Este rexistro público de carácter administrativo inclúe todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.

Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 184 elementos —145 exemplares e 39 formacións arbóreas— pertencentes a 81 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias :

(Para ver las imágenes a mayor tamaño y mejor calidad solo es necesario hacer click sobre cada una de ellas)