O Bloque considera "graves" algunhas conclusións do informe do Consello de Contas en relación á operación de rescate do Auditorio Mar de Vigo, da falla de persoal municipal, de que 8 de cada 10 subvencións foran "a dedo" ou o abuso irregular dos contratos menores.
O Bloque Nacionalista Galego interpelou esta mañá, na Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda, o Goberno municipal de Vigo após se veña de coñecer o Informe do Consello de Contas de Galiza, no que se recolle o resultado da fiscalización das contas do Concello de Vigo correspondentes ao exercicio 2018, sen obter resposta por parte de ningún membro do grupo de Goberno.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de "graves" algunhas das conclusións e advertencias recollidas no informe do organismo supervisor. En primeiro lugar, sinalou que o Consello de Contas "vén confirmar que a operación de rescate do Auditorio Mar de Vigo foi un negocio ruinoso para a cidade".
Neste sentido, apuntou que os 35,2 millóns de euros que houbo que destinar a esa operación, e que supuxeron o incumprimento da regra de gasto e do déficit, foron consecuencia do modelo "privatizador" impulsado para a posta en marcha desta dotación. A este respeito, Igrexas lembra como "Feixóo e Caballero rivalizaron até o final para ver quen lucía máis na foto da inauguración e que nome ía antes na placa".
Igrexas tamén considerou "moi preocupante" a advertención do Consello de Contas en relación a estrutural falla de persoal municipal que supón unha evidente limitación para o estrito cumprimento da normativa e a adecuada xestión dos recursos públicos.
Outro dos aspectos sobre os que o portavoz municipal nacionalista defende que o Goberno de Abel Caballero debe "dar a cara" é que 8 de cada 10 subvencións foran concedidas "a dedo, con carácter nominativo, e non a través de procesos transparentes e de libre concorrencia como marca a lei".
Por último, Igrexas remarca a advertencia do Consello de Contas no relativo ao "evidente abuso dos contratos menores" por parte do executivo local, e que ten motivado reiteradas críticas do BNG no Pleno. A este respeito, o informe sinala expresamente que moitos destes contratos poderían estar subscritos de xeito "contrario a dereito", xa que ao ser gastos previsíbeis deberan licitarse a través de procesos de contratación abertos.
"O que nos di o Consello de Contas e do que non quere falar Abel Caballero é que na xestión económica do Concello hai moitas sombras. Luces, apenas as do nadal", remachou.