O presentador Superpiñeiro e a cantante Mounqup protagonizan o quinto Referentes

O presentador Superpiñeiro e a cantante Mounqup protagonizan o quinto Referentes

Conversarán o xoves día 27 de maio ás 20h30 na próxima entrega da proposta audiovisual da área de cultura da Deputación da Coruña


O próximo xoves 27 de maio ás 20h30 estréase no Facebook e no Youtube da Área de Cultura da Deputación da Coruña a quinta entrega -a penúltima da primeira temporada- do proxecto audiovisual dixital Referentes, protagonizada polo multifacético presentador Xosé Manuel Piñeiro, Superpiñeiro, e mais pola cantante e compositora Camille Hédouin, Mounqup.



Xosé Manuel Piñeiro, un dos rostros máis coñecidos da Televisión de Galicia, naceu en Allariz en 1957. Estudou Pedagoxía e Filosofía, e en 1992 deuse a coñecer como presentador do popular concurso Supermartes, o que lle acabou valendo o alcume de Súperpiñeiro. Durante a súa carreira presentou outros espazos como o Tequelexou ou o actual Bamboleo, ao que volveu tras varios meses apartado das cámaras para superar o mieloma múltiple que lle diagnosticaron en 2018. A súa traxectoria, sempre vencellada á música, foi recoñecida en 2020 coa Medalla Castelao.



Mounqup é o nome do proxecto musical encarnado en Camille Hédouin, nacida en Rouen, Normandía, en 1986. Bióloga de formación, chegou a Galicia en 2011, “para probar un ano a ver que tal”. Aquela primeira idea de rehabilitar a aldea de Saumede, na Bola, de crear un proxecto rural, público e cultural, acabou converténdose na súa vida. Aquí creou o seu alter ego musical, que non entende de etiquetas, que crea temas que soan a jazz, a música electrónica e a soul. Todo construído cun estilo propio e singular, con personalidade, que a fixo merecer o premio Fran Pérez Narf en 2017 e o Martín Códax en 2018.

A xornalista Marga Pazos, gañadora dun Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora, conducirá a conversa entre estes dous referentes presentes e futuras da sociedade galega. Falarán da vida e da paixón coa que a afrontan e ese diálogo desenfadado ofreceralle ao público unha oportunidade única para ver a actualidade dende un novo prisma, reflexionando sobre a nosa cultura e sobre as ferramentas que nos ofrece para reinventarnos.



A cultura en tempos de pandemia, máis dereito ca nunca

Neste contexto pandémico no que se unen unha certa tensión no ambiente cun enorme consumo audiovisual na rede, un novo proxecto busca recuperar o pracer do diálogo amable e construtivo entre persoas con diferentes perfís e intereses. Referentes é un proxecto audiovisual dixital, un ciclo de charlas entre persoas de referencia na nosa cultura que se poderá ver de balde na rede co obxectivo de "afondar no Nós colectivo", en palabras de Xurxo Couto. Cada mes, difundirase unha conversa entre Referentes da cultura e da sociedade galegas, que nos permitirán coñecer e valorar o noso xeito de vida e situarnos inequívocamente no mundo, proxectándonos cara un futuro tan difuso como incerto coa nosa identidade como piar básico.

A área de cultura da Deputación da Coruña que dirixe Couto impulsa esta proposta para "afondar na diversidade do noso pobo a través dunha serie de conversas entre artistas, intelectuais e pensadoras de diversos ámbitos e disciplinas que nos amosarán unha visión da nosa realidade cultural e social inspiradora e motivadora". O obxectivo que persegue a Deputación da Coruña é o de "imaxinarmos novos mundos dende o agora, empregando a cultura como bálsamo e motor con ánimo analítico, propositivo e transformador da nosa realidade". "Unha cultura, unha lingua e un país precisan ter os seus propios referentes", explica Couto. "No caso galego, temos figuras de relevancia que están a abrir camiños e tamén a exportar a nosa cultura e presentarnos e representarnos máis alá das nosas fronteiras... e este programa quere que se coñezan a fondo e que se escoiten".

Referentes enmárcase dentro da campaña "A Cultura é un dereito" artellada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña para afianzar a mensaxe de que a cultura constrúe unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial. "Ao noso ver, a cultura é fundamental para a sociedade, é un dereito para todos e todas e tamén un sector de especial relevancia non só para a economía do país senón tamén para a nosa calidade de vida", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

O mundo da cultura é dos que máis forte está a sufrir o impacto da pandemia do coronavirus. Un impacto que non se cinxe só no eido laboral, con miles de profesionais afectados, senón en canto á cultura como dereito social, como alierce dunha sociedade, como ferramenta para a mellora social. "Acreditamos firmemente en que a cultura é un dereito, que alimenta, que nos fai o que somos", remata Couto. "O espazo das ideas e dos valores, que non pode reducirse a ornamento. Por iso traballamos. Cultura en todos os concellos, cultura con todas as persoas".

Todos os programas de Referentes


A actriz Melania Cruz e a artesá zoqueira Elena Ferro protagonizan o #Referentes04​


A cantante e comunicadora Fátima Pego e o escritor e xornalista Manuel Rivas protagonizaron o #Referentes03


A escritora Berta Dávila e o cineasta Alfonso Zarauza protagonizaron o #Referentes02


A artista multidisciplinar Mercedes Peón e a chef Lucía Freitas protagonizaron o #Referentes01

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.