O Maio primaveral


A
bril foise co-vento pola madrugada, entre nubes de chuvia, e cambiamos hoxe ao maio florido, o das tradicións que non son posibles en tempo de pandemia; o maio que, asegún dín os poetas, nos contará a verdadeira primavera.

Hoxe sí. Cantan os xílgaros xunto ao mar que xa pinta o azul da calma para chegar dondamente a praia, namentras os montes vístense de frol silvestre e o val cede o seu espazo ao río para que engada brillos de prata sobre o verde intenso dos prados.  

Maio traenos, de novo, o sol da vida para acender a fantasía que borra a espesura da brétema e mais ó orballo de abril. Por iso volven os paxaros é a luz dos ceos limpos baila sobor da auga clara, de flores de cristal.

Nas ladeiras da montaña dominante florecen outra vez carqueixas, toxos e xestas. Mil verdes envolven coa súa maxia a fraga. E o mar entréganos, finalmente, o seu sal elemental.

Aquí tedes a Maio, coa sua nova primavera, que vos convida a gozar dos humanos praceres. 

Xerardo RODRÍGUEZ

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.