Cubela, acompañado polos tamén deputados Pepa Pardo e Javier Tourís, e por representantes da asociación Amigos do Camiño Portugués a Santiago, visitou a EP-0002, entre Tomeza e O Marco, na cidade de Pontevedra, pola que transita o camiño portugués e que conta con importantes puntos negros que poñen en perigo a seguridade dos peregrinos. Durante o percorrido, comprobaron que a estrada non contra cunha franxa de terreo continua para poder percorrela a pé, e nalgunhas zonas nin sequera hai beiravía. Unha situación que provoca que este sexa un tramo do camiño totalmente inseguro, que se agrava durante o inverno pola climatoloxía.
Recordan que a seguridade viaria neste lugar xa se reclamou na Mesa do Camiño que se celebra na Deputación de Pontevedra, mais aínda non se fixo nada ao respecto a pesar de que xa transcorreron catro meses desde a apertura do ano Xacobeo. Por iso, o PP intentará conseguir este venres no pleno que toda a corporación apoie de xeito unánime esta iniciativa.
Para os populares, o Xacobeo vai ter un tirón exponencial importante en canto se reduzan as limitacións de mobilidade, que vai supoñer a chegada de turistas e peregrinos dispostos a percorrer as diferentes rutas do Camiño. E por iso a provincia debe aproveitar esta oportunidade para reforzar a súa imaxe exterior e que sexa unha punta de lanza para superar a crise económica derivada da pandemia.