Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

"Pontevedra Trail League" chega este 2021 ao Baixo Miño cunha atractiva programación

As persoas amantes do trail están de parabéns, a Pontevedra Trail League chega este 2021 ao Baixo Miño cunha atractiva programación coa colaboración da Deputación de Pontevedra, os concellos do Rosal, A Guarda e Tui e a empresa NOKO 360. A competición volverá a contar co Trail Adventure Muíños do Folón (no Rosal) e o Trail do Trega (na Guarda) aos que se suma este ano o Trail do Aloia (en Tui), que chega como novidade desta segunda edición. O Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación destas probas, na que  estiveron presentes a presidenta Carmela Silva, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, a concelleira de deportes da Guarda, Monserrat Magallanes, o concelleiro de deportes de Tui, Rafael Estévez, e o director deportivo da Pontevedra Trail League, Serafín Martínez.

A presidenta provincial subliñou que a provincia de Pontevedra é “unha grande referencia na capacidade para unir a diferentes concellos cun obxectivo común”, tal e como evidencia a organización desta proba. Segundo indicou, a Trail League “non soamente potencia os valores do deporte senón que tamén fomenta o turismo deportivo” nun territorio cuns “valores paisaxísticos e unha beleza comparables cos lugares máis fermosos do mundo e cuns valores medioambientais que fan que o evento estea chamado a medrar cada ano máis”. O trail é un deporte que “cada vez ten a máis persoas que o practican, o seguen e o apoian e que son unha mostra de que esta é unha provincia é moi dinámica”, destacou Carmela Silva na súa intervención.


A primeira das probas será o Trail Adventure Muiños do Folón, que se levará a cabo o domingo 9 de maio e cuxas prazas esgotáronse en menos de 24 horas. O percorrido transcorrerá polos Muíños do Folón e do Picón, un lugar que forma “parte da identidade dos rosaleiros e das rosaleiras”, tal e como indicou Ánxela Fernández. Para a alcaldesa do Rosal “a Trail League supón un paso adiante no traballo conxunto que estamos a facer na comarca para transformar a nosa realidade”. Fernández destacou tamén que a pandemia fixo “que moitas cuestións que xa eran relevantes colleron un peso especial”. Neste senso referiuse ao “espazo natural e a valorización do patrimonio”, dúas das liñas nas que se desenvolve esta proba deportiva. 


Será o 17 de outubro cando chegue á Guarda o Trail do Trega, no que as e os participantes percorrerán o Castro, do que este ano se celebra o centenario do seu recoñecemento como Ben de Interese Cultural. Neste senso, a concelleira de deportes da Guarda agradeceu “de maneira moi expresa” á Deputación o ter feito “nos últimos anos as inversións máis impotentes para por en valor un dos bens máis relevantes da provincia”. Montse Magallanes lembrou que unha das obrigas das administracións públicas é “facer felices ás persoas”, algo que se fai posible coa celebración desta proba porque “facer deporte nun territorio como é o Baixo Miño é todo un espectáculo ao combinar actividade física, natureza e patrimonio”. 


A derradeira das probas será o Trail do Aloia, a novidade deste ano, que se celebrará o 7 de novembro “nun parque natural ao que lle imos a sacar un partido impresionante”, tal e como indicou Rafael Estévez. O concelleiro de deportes de Tui amosouse moi agradecido coa organización desta proba, a cal sinte moi de preto.


Todas as probas contan cunha distancia entre 15 e 18 quilómetros e un límite de 400 participantes en cada unha. Ademais, seguiranse nelas todos os protocolos de hixiene sanitaria. Serafín Martínez aproveitou a súa quenda de palabra para resaltar o éxito que teñen estes eventos a pesar de realizarse “en plena pandemia”. Para o director deportivo da Pontevedra Trail League é “fantástico que haxa un 42% de mulleres participando na proba”, un dato que pon de manifesto que a competición cumpre cun obxectivo de “abrir a todo o mundo este tipo de actividades”. Ademais, con esta competición “non pensamos só no deporte, tamén o facemos na economía local e no conxunto da cidadanía” destes tres concellos. 



Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement