O Concello lanza unha campaña de promoción do consumo no comercio de Vigo



O Concello de Vigo lanza unha campaña de promoción do consumo no comercio de Vigo. Logo dunha reunión co sector, Abel Caballero trazou este xoves as principais liñas dunha proposta que procura mobilizar o gasto nos barrios mediante publicidade, actividades culturais e incluso o uso do bus turístico. “Confianza, seguridade e garantía” e “Todo o que gastas queda en Vigo”, entre os lemas da iniciativa.

O alcalde presentou aos responsables de Vigo Comercio esta “importante campaña de promoción do pequeno e mediano comercio”, coa que o Concello anima a consumir “en cada barrio da cidade”. Á cita acudiron o presidente da entidade, Roberto Giráldez, o vicepresidente, Rubén Pérez, a presidenta de honra, Encarna Álvarez, e o xerente, Raúl Fontán.

En declaracións posteriores, Caballero argumentou que a intención do goberno que dirixe é poñer de manifesto a “calidade” destes establecementos, nos que “imos atopar o mellor e a moi bo prezo”. A proposta pivota sobre “tres elementos centrais: confianza, seguridade e garantía”, as que ofrecen estes establecementos, segundo explicou o alcalde, e sobre “unha idea de cidade: todo aquelo que se gasta no pequeno e mediano comercio de Vigo, queda en Vigo”.

Precisamente estes eixos están recollidos na campaña, que se levará a cabo con publicidade nas rúas e nos medios de comunicación, con lemas como “Compra no comercio de Vigo. No comercio da túa ría, do teu barrio, atoparás o mellor”, “Confianza, seguridade e garantía” e “Todo o que gastas queda en Vigo”.

Ademais, a iniciativa contempla organizar actividades culturais en todas as zonas comerciais da cidade, co obxectivo de atraer á clientela e “sempre con garantía Covid”, comunicou Caballero. E tamén para facilitar os desprazamentos entre e ata estas áreas, o Concello prevé empregar o bus turístico.
Publicar un comentario

Publicar un comentario