Ata o momento “A maleta dos océanos” chegou xa a 392 centros de toda a provincia, dende centros de educación infantil e primaria, ata institutos, centros de formación profesional, centros integrados, centros de educación especial ou colexios rurais. Amais, a maleta tamén viaxou a eventos e actividades como a xornada que organiza a Universidade de Vigo sobre o “Bo uso e mal uso do mar”, “cunha excelente acollida entre as e os futuras/os profesionais da educación”, e divulgouse en vilas como Vilanova ou Redondela e en xornadas online nas que participaron centros educativos de diferentes lugares da provincia.
A “Maleta dos Océanos” trátase dun proxecto que inclúe seis propostas didácticas con temáticas diferentes e complementarias adaptadas a todas as etapas educativas e en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030. Conta como fío condutor a figura dunha nena investigadora chamada Emma, que guía e anima a rapazas e rapaces a afondar nos seis eixos temáticos da proposta: “Planeta azul”, para aprender sobre os océanos; “Océanos en perigo”, con información sobre a incidencia do cambio climático e a contaminación; “Mulleres redeiras, da salga e da conserva”; “O marisqueo a pe”, para aprender sobre as mulleres mariscadoras; “Investigadoras mariñas” no que se recollen datos sobre pioneiras das ciencias mariñas e defensa dos océanos como Silvia Earle, Ángeles Alvariño, Aida Fernández Ríos, Elisabeht Mann ou Josefina Castellvi; e “Educación para a sustentabilidade”, onde se inclúen datos relativos ao desenvolvemento sustentable, termo acuñado nunha Comisión da ONU presidida pola doutora Grö Harlem Bruntland en 1987.