Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Deputación de Pontevedra se implica de lleno en la celebración del "Día del Libro"

 “Tedes cinco minutos” é unha expresión habitual nos obradoiros da Escola de Letras, un tempo no que o alumnado debe pór negro sobre branco a súa creatividade e os coñecementos adquiridos nas clases impartidas por recoñecidas escritoras e escritores galegos. A Deputación de Pontevedra, promotora da Escola xunto coa Editorial Galaxia, presentou esta tarde o libro de relatos curtos e poemas que leva por título precisamente Tedes cinco minutos #1, unha publicación que recolle os primeiros froitos destes obradoiros cunha escolma de 37 relatos curtos e poemas creados de puño e letra por parte do alumnado. E fíxoo nun gran acto literario e musical celebrado na sede de Vigo para conmemorar por todo o alto o Día do Libro.

Nove dos talentos xurdidos da Escola de Letras leron fragmentos das súas creacións compilados na obra nun evento que contou coa presenza de parte do alumnado e os docentes e incluíu a proxección de dous vídeos, un deles sobre a actividade nos obradoiros narrado pola escritora Rexina Vega e coa participación do profesorado; e outro con recomendacións literarias a cargo de catro mulleres xornalistas da provincia. Fernando Barroso e Margarida Mariño puxeron a nota musical ao acto coa interpretación en vivo de tres pezas á mandolina e o violonchelo.


A sala Rosalía de Castro da sede foi decorada para a ocasión con libros e andeis. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que Tedes cinco minutos #1 “é un libro moi sorprendente, con relatos e poemas marabillosos que amosan o talento enorme destes escritores e escritoras chamados a facer grandes cousas”. A máxima responsable da institución lembrou que a Escola de Letras é unha iniciativa cultural pioneira en Galicia e salientou que este era, precisamente, un dos obxectivos centrais do proxecto: “Dar as ferramentas para que todo o mundo poida contar historias e que a Escola sexa o xerme de novos autores e autoras”. Subliñou que as creacións saídas da Escola de Letras “amosaron un nivelazo” e expresou a súa “enorme satisfacción por que saíra este libro nun ano tan difícil”. “Temos unha longa tradición editorial e debemos escribir, ler e manter vivas as nosas librarías”, engadiu durante o acto, no que tamén estaban presentes  as deputadas de Cultura, Vicky Alonso, e Memoria Histórica, Patrimonio e Lingua, María Ortega.


O director da Editorial Galaxia, docente e escritor Francisco Castro, agradeceu á Deputación o seu apoio decidido para pór en marcha a Escola de Letras, e particularmente á presidenta. “Se hoxe estamos aquí presentando Tedes cinco minutos #1 e porque Carmela Silva creu neste proxecto, que era moi complexo”, explicou, para agradecer a todas as autoras e autores a súa participación. “Regalástesnos o voso talento. Dentro de tres ou catro anos recapitularemos e veremos espléndidos escritores e escritoras que pasaron pola Escola de Letras. Que dure moito tempo!”.


Relato curto e poesía


A obra Tedes cinco minutos #1 recolle 29 relatos curtos e 8 poemas de diferentes temáticas creados por autoras e autores de distintas idades. Son 37 dos 90 alumnos e alumnas que pasaron xa pola Escola. Durante o acto leron fragmentos Macamen Alonso, Adrián Alfonso, Miriam Couceiro, Rita Garabatos, Alberto Granada, Noelia Toledano, Ana Vázquez, Ana Vigo e María José Villar, nove dos autores que participan nesta escolma. Todos e todas expresaron a súa emoción por estar a ler fragmentos da súa obra e agradeceron ter participado neste proxecto.


No acto, emitido en streaming, proxectouse un vídeo con imaxes da actividade desenvolvida nos obradoiros no que tamén leron textos os e as docentes Francisco Castro, Diego Giráldez, Inma López Silva, Anna Figueiredo, Antonio García Teijeiro e Elvira Ribeiro. O vídeo está narrado por Rexina Vega, escritora feminista e Premio Xerais 2007 con Cardume, quen define a Escola de Letras como “un dos alicerces do compromiso da Deputación de Pontevedra coa cultura e coa lingua”. Inma López Silva le no vídeo un fragmento de As malas mulleres de Marilar Aleixandre; Antonio García Teijeiro fai o propio cun texto da súa obra Poemar o mar; Francisco Castro elixiu Chamádeme Simbad, da súa autoría; Anna Figueiredo le un fragmento do seu libro Os bicos feridos; Diego Giráldez decantouse por un relato de A secreta melancolía da garza; e Elvira Ribeiro escolleu Mar de Mazá, da súa creación e ilustrado por Begoña G. Arce.


A segunda proxección está protagonizada polas xornalistas María Hermida, Belén López, Sandra Penelas e Ana Baena, que comparten fragmentos das súas lecturas preferidas, como Memorias dun neno Labrego, de Neira Vilas; Feliz Idade (Olga Novo), Si o vello Sinbad volvese ás illas (Álvaro Cunqueiro) e Cobiza (María Raimóndez). A Deputación difundiu o vídeo nas súas redes e interacionou tamén coas usuarias e usuarios para que recomendasen a súa vez obras literarias.


A Escola de Letras


A Escola de Letras é unha frutífera iniciativa cultural nacida o ano pasado na que participaron 90 persoas en seis obradoiros e 135 nas diferentes masterclass. As prazas esgotáronse en horas para practicamente todos os actos, os primeiros celebrados de maneira presencial nas sedes da Deputación de Pontevedra e Vigo e, desde a pandemia, en formato on line.

A Escola afronta o 2021 con pulo renovado, seis novos cursos nos que as prazas tamén están esgotadas, e a incorporación ao profesorado de Anna Figueiredo e Elvira Ribeiro. Ao longo do ano presentaranse novas masterclass. 




Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement