Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Deputación anuncia un "novo paso adiante na reclamación de verdade, xustiza e reparación polos crimes do franquismo"

Deputación de Pontevedra anunciou hoxe un "Novo paso adiante na reclamación de verdade, xustiza e reparación polos crimes do franquismo. Hoxe xoves as familias de cinco vitimas galegas presentaron formalmente no Consulado Arxentino en Vigo a documentación para adherirse á ‘Querela arxentina’, a causa na que a xuíza Servini está a xulgar os delitos de lesa humanidade cometidos tralo golpe de Estado de 18 de xullo de 1936 ata ben entrada a Transición".

A iniciativa tomárona nesta ocasión familiares do ex alcalde de Valga Celestino Carbia, fusilado en Monte Porreiro en maio de 1937; o mestre de Teo e veciño de A Estrada Bernardo Mato, falecido en setembro do 36 vítima dun asesinato extraxudicial tras ser detido e sometido a interrogatorio por falanxistas que o liberaron ferido de morte; Carlos Abella López, veciño de Ponteceso e sindicalista da CNT, condeado a pena de norte conmutada por cadea perpetua; e aos veciños de Ribeira, José Lijó –membro do comité de defensa da República- fusilado en Santiago en xaneiro do 37; e José Sieria, tamén morto en xaneiro do 37, con orixe en Ribeira e asesinado pola súa vinculación coa CNT.

No acto estiveron presentes o membro da coordinadora estatal de apoio á Querela Arxentina contra os crimes do franquismo (CeaQua), Celso López; a representante da Comisión de Dereitos Fundamentais da agrupación da Avogacía Nova Viguesa, Jana Calero; e a deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, xa que o seu departamento impulsou o proceso para que as adhesións ás querelas fosen unha realidade en novembro de 2019.

Manuel Carbia Magariños, neto do ex alcalde de Valga fusilado no 37, foi o encargado de presentar a quelela por Celestino Carbia. Manifestou o seu agradecemento á deputada María Ortega e á presidenta da Deputación -“Teñen que ser mulleres as que veñen a reivindicar e axudarnos nestas cousas, as que levan esta loita”, dixo-, para recoñecer tamén o traballo de CeaQua e do grupo da Avogacía.
“Queremos continuar o labor que comezou Darío Rivas na Arxentina. Nós imos continuar a querela ata que remate. Temos que limpar todo o que pasou, non temos que culpar a ninguén pero témolo que limpar”, subliñou. Lembrou que Arxentina en pouco tempo foi capaz de xulgar aos seus ditadores “e nós levamos 80 anos e aínda siguen nas institucións. Hai cen anos, meu avó e os representantes de Cordeiro pediron a Arxentina que axudara para facer unha escola. Cen anos despois temos que volver á Arxentina a pedir xustiza. Non hai dereito”, explicou.

Iria Morgade, bisneta de Bernardo Mato, explicou que a súa familia adhírese á querla porque “Bernardo Mato para nós, sobre todo para a miña avoa, foi unha sombra, un completo descoñecido porque o asasinaron cando tiña 3 anos. Foi un asesinato extraxudicial porque o soltaron moribundo, morreu ao mes. A muller de Bernardo decidiu ocultar todo isto aos seus fillos durante toda a súa vida. A miña avoa ata o ano 2000 non soubo a verdade, unha verdade que sabemos a pequenos trazos”.
“Nós estamos aquí coa idea de darlle á miña bisavoa unha verdade, unha xustiza, algo que non fixo o Estado Español durante décadas e, que temos que buscar noutro estado porque este, que se supón democrático non o fixo, abandonando ás vítimas do seu xenocidio, porque o Estado é responsable. Queremos esa verdade, esa reparación incluso fóra de España”, finalizou.

Dolores Sanlés, neta de José Sieira González, manifestou de maneira moi sentida o seu agradecemento a quen a axudou “a chegar aquí”. “Miña nai sigue viva, segue tendo medo. Non quería que viñera porque ten medo, porque son filla dun ‘rojo’. Toda a familia tivo medo sempre. Queimaron algunhas cartas e eu, sendo moi cría, conseguin ver algo do meu avó e gardar o diario. Hai como 15 anos, nunha caixa, apareceu no faio, unha carta que está impoluta e non ten un burato de ‘polilla’, que meu avó lle entregou aos camaradas na que lle pide que coiden da súa muller e dos seus fillos e que loitaran por unha Ribeira libre e unha Ribeira feliz”.

Nela Abella representou a Carlos Abella, represaliado que pasou parte da súa vida en cárceres franquistas e “afortunadamente conseguiu sobrevivir”. “Esta é unha enorme oportunidade de desagravio para meu pai e para o resto das familias. Un desagravio que debería corresponder ao Goberno español e que os sucesivos gobernos do Estado deixaron de lado. Estamos agradecidos á Deputación de Pontevedra e á Agogacía Nova, entidades e institucións, que fixeron isto posible”, dixo.

Andrés Lijó, sobriño de José Lijó, asesinado con 24 anos por ser sindicalista foi o representante para interponer a adhesión á querela no seu nome. “Chegáronlle pola porta, preso para Boisaca, e asesinado e tirado par aunha fosa como se fose un bulto. Temos oportunidade de facer ver esto ao mundo, de que a xustiza tome cartas no asunto. É unha vergoña que a estas alturas do século XXI teñamos que ser as familias as que fagamos isto. A ver se grazas a Arxentina se recoñeza o que aconteceu de verdade e se depuren responsabilidades”

Pola súa banda, o representante de CeaQua, Celso López, lembrou que as cinco querelas presentadas hoxe son a continuación das entregadas hai agora tres meses polos asasinatos de Paz, Bóveda e Caamaño. “Agora volvemos presentar outras cinco máis en base á defensa da xustiza universal, dos crimes de lesa humanidade, xa que a xustiza española non está a prol de que isto se cumplimente. Hai que recorrer á xustiza arxentina. Para nós Ceaqua e para o resto dos compañeiros da memoria histórica é un privilexio estar aquí xunto a familiares e dos membros da Avogacía Nova de Vigo e isto non sería posible sen a participación directa da deputada María Ortega e o apoio institucional. As institucións teñen que implicarse directamente nisto”, subliñou.

Jana Calero, da Avogacía Nova Viguesa, explicou que existe un grupo de traballo específico para memoria histórica que se centra en confeccionar querelas contra os crimes do franquismo de lesa humanidade e adhesión da Querela Arxentina. “Vémonos obrigados a presentar alí debido á pasividade a todos os niveis, tanto lexislativo, político e xudicial do Estado Español que sistemáticamente arquiva todas as querelas que se interpoñen”, explicou.
Destacou que a pandemia foi un mazazo á hora de obter a documentación e da coordinación coas familias, mais sinalou que “foi unha gozada contar con todas as familias, que foron moi participativas, e están moi emocionadas. É super emocionante para nós. Fomos dos últimos en subirnos a este carro, mais estamos encantados de estar”, finalizou.

Sobre a situación da Querela Arxentina explicou que ten máis de 10 anos de andadura, e xa conta con centos de adhesións. “Queremos mantela viva por riba de todo. Non fai falta buscar usuarios porque moitísimas familias de represaliados como as que están hoxe aquí están moi interesadas en facer valer a verdade, xustiza e reparación contra os crimes que se cometeron contra os seus familiares”, pechou.


Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement