Alcaldesa de Redondela y Deputación recuerdan la II República y la Memoria Histórica

Este 14 de abril, 90º aniversario da proclamación da II República española, foi a data elixida polo Concello de Redondela para inaugurar no alto da Concheira, un dos lugares máis vinculados á memoria histórica de Galicia, un monumento conmemorativo elaborado pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. O acto contou do deputado de Cooperación, Santos Héctor, e a alcaldesa, Digna Rivas. Asistiron tamén a deputada Noemí Outeda, concelleiros/as, representantes do Colectivo Republicano de Redondela, do Seminario de Estudos Redondeláns e da Asociación Fernando Monroy, de Cesantes, así como veciñanza de Redondela en aforo reducido por mor da pandemia.

A homenaxe, que se ía celebrar xa o ano pasado e foi aprazada por mor da pandemia, consistiu na estrea dunha peza escultórica en granito composta por tres grandes siluetas humanas cun burato no peito. O conxunto álzase sobre unha base na que se le a inscrición “En lembranza dos homes e mulleres que defenderon a República. Concello de Redondela 2021”. Ten unha altura total de 2,30 metros e un peso que se achega ás cinco toneladas. Foi realizado por Ángel Ramón Torres González, alumno de terceiro curso da Escola de Cantería.

No alto da Concheira foron asasinadas 21 persoas sobre o total de 42 que perderon a vida en diversos lugares do municipio, segundo os datos das asociacións de memoria. O lugar conta tamén co simbolismo da proximidade coa illa de San Simón, o campo de concentración do franquismo polo que pasaron 6.000 persoas represaliadas. O Concello de Redondela declarou este 2021 como “Ano das Mulleres da Illa de San Simón” en homenaxe ás “Madriñas”, termo co que se coñecía ás lavandeiras que, ao tempo que se ocupaban da roupa dos presos, utilizaban todo tipo de argucias para levarlles comida, medicinas ou mesmo recibir ou entregárllelas cartas.

Santos Héctor celebrou que a inauguración teña coincidido co aniversario da República: “non podiades ter escollido mellor data!”, afirmou. O deputado destacou que o monumento saíu dos obradoiros da Escola de Cantería na Caeira (Poio), que, precisamente, é outro dos lugares da memoria en Galicia, pois alí foron fusilados tamén moitos demócratas durante os anos duros da represión. “Outro deses lugares da nosa Galicia regados de sangue inocente”. Despois de agradecer o traballo do profesorado e do alumno autor “desta peza que evoca dor, pero tamén esperanza, co peso da pedra e a lixeireza do aire” comparou a illa de San Simón cos campos de concentración do nazismo. “Temos que ter moi en conta o que sucedeu para estar alerta e evitar as barbaridades como as que se cometeron aquí”, afirmou, “vivimos acontecementos moi propicios neste arranque do século XXI para facer esta advertencia”.
O deputado recalcou que o alto da Concheira, “no que pisamos terra que se humedeceu coas vítimas da barbarie” é o símbolo doutros lugares de Redondela onde morreu xente do municipio, pero tamén de Vigo, O Porriño, Zamora, Lugo, Ferrol, Ponteareas, Mondariz, Ponte Caldelas, Santiago e Ribadavia, “persoas de tódalas orixes, profesións e ata pensamentos, pero que tiñan en común a defensa da democracia e a integridade”. “A cicatriz doe, pero cunha dor que non é ira, nin rancor, senón recordo, consciencia e orgullo”, continuou. “Homenaxeamos a xente que defendeu a República fronte a un Golpe de Estado fascista, que non se esqueza! Queda moito por facer, pero hai avances e hoxe estamos poñendo un grao de area máis”.

A alcaldesa Digna Rivas subliñou que Redondela paga unha débeda cos colectivos de memoria histórica e coas familias que sufriron a represión, que gardan historias crueis do sucedido naqueles anos. Ela mesma, revelou, reside na mesma casa da súa bisavoa, onde se agochou un primo durante dous días, ata que marchou para non prexudicar a aquela muller viúva, con catro fillos. “Ás poucas horas apareceu nunha destas cunetas”, relatou.

A rexedora centrou tamén boa parte da súa intervención no papel que xogaron as “Madriñas” para levar axuda a unhas persoas que pasaban todo tipo de padecementos en San Simón. “Unha rede solidaria de mulleres valentes “que se xogaron a vida propia e a das súas familias por axudar”. O Concello inaugura o próximo día 23 unha exposición fotográfica “para sacalas da invisibilidade e darlles o recoñecemento que merecen”. A mostra, que se estreará na Alameda, viaxará despois por tódalas parroquias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.