Vigo) Caballero, su balance de un año de pandemia



O alcalde de Vigo fai balance do ano: “Dedicación total contra o Covid, pero sen renunciar a seguir facendo cidade”

Cumpridos doce meses desde o confinamento de marzo de 2020, Abel Caballero detallou a acción do Concello durante a pandemia, centrada en materia social, económica e de prevención, e avanzou que “seguiremos á fronte da loita contra o Covid na cidade de Vigo en tanto haxa un só contaxiado”.


En rolda de prensa, o alcalde iniciou o balance da función municipal neste ano coa atención social, con máis de 12.000 axudas de emerxencia que beneficiaron a 32.345 persoas da cidade. Ademais, o Concello abonou a 2.600 nenos e nenas as axudas de comedor escolar cando estes estiveron pechados na pasada primavera, concedeu 900 tarxetas para pago de alimentos e promoveu un servizo de axuda a domicilio para persoas maiores e/ou vulnerables.

Caballero puxo en valor o novo servizo de comida a domicilio para evitar a afluencia de persoas aos comedores sociais, que actualmente entrega de media uns 630 menús diarios. Neste sentido, o goberno de Vigo tamén deu 80 novas altas no servizo de Xantar na Casa para maiores, presta acompañamento telefónico e, da man de AFAGA, un programa para manter a súa saúde cognitiva e emocional.

O Concello de Vigo, referiu o rexidor, tamén activou un dispositivo para as persoas sen fogar, con aloxamentos no albergue municipal de Marqués de Valterra, no da Fundación Santa Cruz subvencionado polo Concello e en hostais e hoteis, que acollen a preto dun centenar de persoas. Amais, durante o confinamento habilitouse o pavillón do Berbés con cincuenta prazas e tamén se dispuxo do seminario para o illamento de positivos con sintomatoloxía leve.

Por outra banda, o goberno vigués reforzou o servizo de infancia e familia durante este ano, se prestaron clases de reforzo educativo durante o pasado verán e se entregaron máis de 300 ordenadores e conexións ao Internet -pese a ser unha competencia da Xunta de Galicia- para poder seguir as clases de forma telemática.

No eido social, Caballero concluíu co reforzo do persoal, con traballadoras sociais de garda fines de semana e festivos, novas contratacións e a creación dunha oficina específica no Concello para asesorar aos solicitantes do Ingreso Mínimo Vital, único concello que o prestaba cando o resto de administracións non atendía presencialmente.

O Concello tamén adicou millóns de euros á limpeza, preto de dous millóns para desinfección de rúas, parques, albergues, etcétera, xunto a un contrato extraordinario de 617.000 euros para os centros educativos da cidade, outro medio millón de euros para os parques e 127.000 euros máis para instalacións deportivas. Vigo tamén fixo entrega gratuíta de 313.500 máscaras faciais entre a cidadanía.

A reconstrución económica ten dúas patas de actuación, dixo Caballero : apoio directo e investimento público. No primeiro, o alcalde citou as exencións do pago do Vado, auga e lixo para aqueles establecementos que tiveron que pechar por motivos sanitarios, axudas que, sumadas á taxa cero para as terrazas da hostalería, superan os cinco millóns de euros. O Concello bonifica tamén a apertura de novos negocios e suspendeu o pago da XER -a zona azul- durante o confinamento.

No relativo ao investimento, Abel Caballero asegurou que o Concello mobiliza 134,5 millóns de euros en total. A contía procede dos 25,8 millóns que o goberno de Vigo consigna a investimentos nos seus orzamentos deste ano, dos 35,8 millóns dos remanentes incorporados a finais de 2020 e dos 13,1 millóns engadidos este mesmo mes, tamén do aforro municipal. Por último, o rexedor referiuse aos 60,2 millóns que pasan do remanente do pasado ano ao orzamento do presente 2021.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.