Ante las afirmaciones reiteradas del alcalde de Vigo, Abel Caballero, señalando que el Bloque no tiene concejal en Vigo, el edil Xabier P. Igrexas ha hecho público un texto que ya circula a estas horas por todo tipo de redes sociales y que dice lo siguiente :
SOBRE A ÚLTIMA DESCUALIFICACIÓN DE CABALLERO CONTRA O BNG DE VIGO
Hoxe, na súa rolda de prensa diaria, Abel Caballero incómodo pola denuncia que fixemos onte desde o Bloque de que PSOE e PP acordaron dar carpetazo á investigación europea sobre a falla de saneamento da Ría, volveu insistir no disparate de dicir que o BNG non ten concelleiro en Vigo.
Di Caballero, no seu delirio, que eu "reneguei" do BNG porque teño a condición de membro non adscrito e chegou a asociar ao transfuguismo esa situación. O curioso é que son non adscrito por decisión unilateral do propio Caballero que asinou un decreto no que impedía ilegalmente que o BNG (e tamén Marea) constituisemos os nosos propios grupos municipais. Todo pola obsesión do alcalde de tentar invisibilizar e amordazar o Bloque.
Claramente : do que renegou Caballero hai tempo é do sentido da realidade e do máis mínimo respeito democrático.
Eu son orgulloso militante do Bloque Nacionalista Galego desde hai máis de 20 anos (por iso poso feliz na foto co meu cartón de afiliado 😙) Son desde hai moito tempo membro da súa dirección local. Fun o seu candidato á alcaldía en 2019 e resultei elixido concelleiro grazas ao apoio de 8500 viguesas e vigueses. Porque é o pobo o que me escolleu co seu voto portavoz do BNG no Pleno, mal que lle pese.
O único que renega do seu partido é, sempre que pode, o propio Abel Caballero, que se presentou á reelección cunha campaña personalista na que o logo do PSOE era imperceptíbel sen lupa ou lentes de aumento.
Non imos entrar na lea. Que siga coas súas parvadas. Que brame o que queira, porque quen queda en evidencia e en ridículo é o propio Caballero. O problema non é que intente ofenderme a min ou ao BNG, o problema é que lle falla o respeito á propia alcaldía e á cidadanía.
O BNG de Vigo seguiremos a traballar para sumar máis viguesas e vigueses a unha alternativa en positivo para darlle á cidade o novo impulso que necesita. Defendendo, por exemplo, a nosa aposta pola completa rexeneración da Ría e a fin dos vertidos de auga sen depurar.
Seguimos.
XABIER P. IGREXAS