Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista’ llega a Mondariz

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Memoria Histórica, abrirá mañá en Mondariz a exposicíon ‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista’. Trátase dunha mostra que pretende reivindicar a memoria das vítimas do golpe de Estado de 1936 cunha escolma da historias de represión sufridas por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.
Esta exposición estará a disposición do público ata o día 28 de marzo na Praza de Abastos Municipal, de luns a domingo, e en horario de 9 a 14 horas. A inauguración será mañá xoves ás dez da mañá e contará coa presenza do alcalde e da concelleira de Cultura de Mondariz.

A exposición conta as historias de 172 mulleres, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, a través de 78 fotografías. Está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como dende o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tratadas “como menores de idade ou sempre dependentes de varón”, subliñou a deputada Ortega.

A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademáis foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.

Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a “recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria”, finaliza a deputada.

En total, “Rexas” fala de 172 mulleres con inclusión de historias de todas as comarcas da provincia. A selección mestura nomes máis coñecidos como os de Urania Mella, María Gómez, Josefa García Segret, Placeres Castellanos ou Josefina Arruti, con outros máis anónimos, na maioría de perfil humilde, que tiñan máis risco de ficar no esquecemento. Así, xunto as mulleres máis fáciles de atopar na bibliografía da temática, inclúense biografías ata o de agora inéditas como a de Dolores Buján (Cuntis), Asunción Berea (Marín) ou Elena Valverde (Porriño).

Unha das mulleres das que se recolle a súa historia é veciña das Neves, Cándida Castro, dentro do apartado ‘Sobrevivintes’. Na mostra explícase que para que contara o agocho do home, os golpistas foron buscala á finca na que regaba o millo e, descalza, levárona detida ao cuartel. Ela díxolles que el marchara ao Brasil e non soubera máis, pero o certo é que Eduardo Rodríguez Gil cruzara a fronteira con Portugal. Algunhas noites volvía de regreso ás Neves e traballaba na leira para axudar a Cándida a sacar a casa adiante, pero nunca se achegaba a ela para que non os descubriran. Co tempo, fixéronlle un agocho na casa da súa nai, Josefa a Castellana, e dixéronlle á súa filla, Carmiña, que aínda era pequena, que lle chamara avó, para que non se lle escapase que tiñan agochado ao seu pai.

Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement