Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Regades se enzarza con la Xunta por las "ayudas Covid" y Cubela habla de burla del PSOE provincial

O secretario xeral PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra, David Regades, considera asombroso que a Xunta, a través do seu vicepresidente, Alfonso Rueda e a conselleira de Emprego, María José Lorenzana, estea enviando cartas aos alcaldes e alcaldesas pedíndolles fondos municipais para reforzar as exiguas axudas autonómicas á hostalería, persoas autónomas e pequenas e medianas empresas afectadas pola pandemia.

David Regades destaca que tanto as políticas sanitarias como as relacionadas coas pemes son competencia exclusiva da Xunta e que se os concellos foron máis alá das súas atribucións repartindo axudas (nalgúns casos mesmo solicitando informe de delegación de competencias á propia Xunta tralo informe negativo das Intervencións municipais) foi a causa do extraordinario da situación. Ademais, lembra que hai xa un par de meses, os/as socialistas da provincia solicitaron da Xunta que os concellos funcionasen como portelo único para repartir tódalas axudas. Sen embargo, o Goberno galego optou por unha complexa cadea de convocatorias, marcada pola letra pequena e a opacidade. “A día de hoxe cóntanse por centos as persoas autónomas e pequenos empresarios que tiveron como resposta ás súas solicitudes o silencio administrativo, noutros casos rexeitáronse por cuestións formais e, finalmente, en moitos casos as persoas afectadas simplemente renunciaron a presentar a solicitude diante da carga burocrática da documentación esixida”, explica Regades. Todas estas queixas son ben coñecidas polos alcaldes e alcaldesas que agora reciben carta de Rueda.

Regades explica que mentres a Xunta manda cartas, a Deputación de Pontevedra manda cartos aos concellos para que sexan estes os que repartan as axudas. A Xunta de Galicia amagou con dedicar só 50 millóns de euros ás axudas (o 0,4% do Orzamento autonómico) e acabou subindo a 75 millóns (o 0,6% pola presión das deputacións galegas). No caso da Deputación pontevedresa, aprobouse unha dotación de 1,64 millóns (o 1% do seu Orzamento), que xa puxo a disposición dos concellos, para que sexan eles os que distribúan os apoios. “A Xunta pretende que pasemos por alto que as catro deputacións galegas mobilizan pouco máis de 500 millóns, mentres a Xunta dispón de 11.600 millóns e que, ademais, as axudas autonómicas nútrense dos fondos extraordinarios estatais e europeos”.

O secretario xeral engade que as economías dos concellos están moi castigadas por tódolos gastos extraordinarios que tiveron que soportar dende o comezo da pandemia, entre os que destacan os custos por desinfección de colexios e parques infantís, as horas extra do persoal (nomeadamente a Policía Local para o control de desprazamentos ou aforos) e os gastos en axudas de emerxencia social ou no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), este último de competencia autonómica, ao tratarse dunha prestación do sistema de Dependencia. Regades denuncia que a Xunta segue financiando a hora de SAF a 9,70 euros cando o custo real está xa nos 18 euros.

Por outra banda, indica que non deixa de abraiar o feito de que a Xunta pida cartos aos concellos tras negarse, ano tras ano, a financialos adecuadamente ao mesmo tempo que continúa aprobando lexislación autonómica para derivarlles competencias sen a correspondente dotación económica. Mentres os Orzamentos Xerais da Xunta 2021 creceron este ano un 14,9%, explica Regades, o Fondo de Cooperación Local básico quedou “varado” un ano máis en 112 millóns, o que supón un descenso relativo dun 6,4%.

Finalmente, o secretario xeral dos/as socialistas pontevedreses reprocha a Alfonso Rueda as súas declaracións a propósito das axudas á hostalería e sectores afectados. “Rueda compórtase como se os cartos foran del e fala máis como presidente provincial do PP que como vicepresidente da Xunta”. Especialmente graves foron as declaracións do pasado mes de xaneiro nas que acusaba a “algún dirixente municipal” de intentar “poñer o seu selo nas axudas”. E nas que tamén cualificaba como “partidistas” ás entidades locais engadindo que “alcaldes e alcaldesas antepoñían os seus intereses electorais aos dos colectivos máis castigados pola pandemia”.

A colaboración institucional, conclúe, que debería ser a norma nuns tempos tan complicados como os que estamos a vivir, brilla pola súa ausencia. “A Xunta de Galicia prefire as liortas ás alianzas e ten unha especial obsesión en contra do mundo local que nin sequera en tempos de COVID19 se atenúa”.

CONTRAATACA JORGE CUBELA

O voceiro do grupo provincial do PP de Pontevedra, Jorge Cubela, critica que “o PSOE desta provincia leva burlándose dos autónomos, pemes e hostalería desde o mes de outubro. Primeiro rexeitando por activa e por pasiva aprobar axudas directas na Deputación de Pontevedra para paliar os danos ocasionados pola covid; despois boicoteando a xanela única que pedía o sector e, finalmente, aprobando unhas axudas pola mínima, de 200 euros por negocio nos mellores casos, cargando toda a responsabilidade nos concellos, que non teñen capacidade para xestionalas no tempo que precisan os afectados”.

En resposta á nota de prensa enviada hoxe polo PSOE provincial, Cubela pide que “deixen de utilizar os problemas e o sufrimento de todo o sector para confrontar políticamente. Unha confrontación na que está o PSOE de Vigo exclusivamente, porque hai un cento de concellos, de toda cor política, que xa se interesaron por aceptar o ofrecemento da Xunta de Galicia para utilizar a plataforma do Goberno galego e repartir as axudas de xeito conxunto, pero sobre todo dunha forma áxil, sen burocracia e rápida”.

“Esta é a unidade que precisan os afectados, lonxe das liortas de Regades, Silva e Caballero”. Ademais, di que “o interés do Concello de Vigo para repartir de xeito directo as axudas que, por certo, non ten, non se corresponde nin coas necesidades nin coa vontade do resto de concellos da provincia que si queren e destinan fondos propios para axudar aos afectados e apostan por integrarse no fondo común da Xunta”.

Cubela tamén critica que a Deputación continúe enrocada en aportar 1,6 millóns de euros, cando a Deputación de Coruña acaba de aprobar outros 12 millóns de euros que, xunto aos 10 de final de ano, suman 22 millóns de euros de axudas directas para autónomos e pemes. “Igual deberían explicar por que na Coruña si e en Pontevedra non, e por que os negocios da nosa provincia non van estar en igualdade de condicións para afrontar a recuperación”. A explicación, di Cubela, é sinxela. “O emprego e a recuperación económica da provincia non están na axenda da Deputación de Pontevedra”.

David Regades, a la derecha, con el radiofonista Antonio Bernárdez, en un día en la Cope. -


Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement