Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Parque Nacional "Illas Atlánticas" ofrece en Semana Santa actividades y rutas guiadas

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia organizará rutas e outro tipo de actividades de balde durante toda a Semana Santa para achegar os valores e a riqueza deste espazo natural a todas as persoas que decidan aproveitar estas datas para visitar algún dos seus arquipélagos.

Cómpre lembrar que os arquipélagos de Cíes e de Ons se poderán visitar de xeito particular en transporte público ata o vindeiro domingo 4 de abril, un período no que a día de hoxe hai xa máis de 1.100 reservas confirmadas. Do mesmo xeito, Sálvora e Cortegada tamén recibirán visitantes, que participarán en percorridos guiados e dirixidos por persoal debidamente acreditado das empresas que realizan estas viaxes.


Ao igual que en anos anteriores, o obxectivo do programa deseñado especificamente para as vacacións de Semana Santa é poñer á disposición dos visitantes todo un abano de recursos que lles axuden a coñecer mellor as illas a través de actividades que, dun xeito ameno, transmitan os valores polos que están protexidas.


Así, as persoas que decidan visitar o Parque Nacional nestas datas poderán apuntarse e satisfacer a súa curiosidade sobre a historia dos arquipélagos, as estratexias de supervivencia da vida natural, a riqueza mariña e a problemática dos plásticos mariños. As accións estarán desenvolvidas por guías do Parque Nacional e tamén haberá outro persoal despregado nas illas para atender e ofrecer información aos visitantes.


Todas as actividades serán de balde e, como único requisito, os interesados terán que anotarse o mesmo día da actividade nas casetas de información localizadas nas inmediacións dos peiraos de Cíes e de Ons. En todo caso, haberá límite de prazas debido á situación xerada pola covid e ás medidas preventivas establecidas, polo que en cada actividade só poderán participar un máximo de oito persoas, máis un guía, e manterase en todo momento a distancia de seguridade entre os asistentes.


Actividades para todos os públicos

Cada día ofrecerase unha serie de actividades abertas a todos os públicos e outras máis específicas dirixidas a un público infantil e familiar. Entre elas haberá rutas guiadas, os chamados Bocadiños de saber (breves encontros onde un guía explica durante 20 minutos unha curiosidade das illas), mesas expositivas do medio mariño e da contaminación por plásticos, e tamén contacontos de temática ambiental.


As rutas guiadas terán distintas temáticas: a Illa de paisaxes, visitando os miradoiros das illas e descubrindo a vida que se agocha nelas; a Ruta entre mareas, onde investigar como fai a vida mariña para aguantar estar fóra da auga durante a baixa mar; e Un pobo no mar e Unha viaxe do tempo, dúas rutas que desvelan a historia humana das illas.


Nos encontros Bocadiños de saber responderase ás preguntas máis frecuentes que adoitan facer os visitantes das Illas Atlánticas, como por que a auga está tan fría ou por que a area das praias é tan branca.


A mesa expositiva ao aire libre pretende mostrar a riqueza que teñen os fondos mariños do parque nacional, amosando as súas paisaxes submarinas, cunchas, algas e outros rastros, así como concienciar sobre a problemática ambiental asociada á contaminación provocada polos plásticos.


Por último, cómpre lembrar que para poder visitar as illas Cíes e Ons en transporte público no período de Semana Santa é preciso solicitar previamente unha autorización gratuíta da Xunta a través da web https://autorizacionillasatlanticas.xunta.gal.


Mentres, as persoas interesadas en viaxar nos próximos días ás illas de Sálvora e Cortegada, poderán facelo tamén coas empresas autorizadas e desde unha serie de portos que se poden consultar na páxina web do parque.



Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement