O Concello de Bueu culmina a ‘Semana da Muller’ cunha serie de actos programados con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Este venres, 12 de marzo, ás 20.00 horas, a escritora viguesa María López Correa presentará o libro As fillas da Manola, na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, para o que se require de inscrición previa a través dun formulario na web municipal. Esta obra fíxose co IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares e nel cóntanse catro historias de diferentes mulleres emparentadas entre si, unidas pola soidade ante os atrancos das súas vidas, a través das que a autora realza a importancia da creación dunha rede de apoio feminista.
O sábado, ás 20.00 h, o Cineclub Bueu proxectará o documental ‘En deuda con todas’, que foi elaborado por Agareso co obxectivo de contar as experiencias e a loita do movemento feminista a prol dos dereitos sexuais e reprodutivos en El Salvador. En canto á xornada de captación do equipo feminino do Club de Fútbol de Bueu, que estaba prevista para o sábado pola tarde na Praza Massó, esta adiarase debido á previsión de mal tempo.