Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

O BNG reclama á Xunta que incremente a flota de ambulancias 061 no Morrazo

O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego a ampliación da flota de ambulancias do servizo de emerxencias 061 no Morrazo, “unha reivindicación histórica na comarca, e máis necesaria se cabe agora, coa situación sanitaria que levamos vivindo máis dun ano”, segundo recalcou o deputado nacionalista Paulo Ríos.
Nunha pregunta ao Goberno galego, Ríos recordou que os e as traballadoras do 061 do Morrazo levan anos pedindo esta ampliación “para ser quen de atender dun xeito eficaz as emerxencias e axudar a salvar máis vidas”, unha reclamación que, segundo recalcou, “nunca foi atendida” e que, coa chegada da pandemia, “agraváronse os problemas, mermando a calidade dun servizo esencial como o da atención ás emerxencias”.

O deputado do BNG polo Morrazo advertiu que, á necesidade da ampliación da flota, súmase a problemática da desinfección COVID nas ambulancias, xa que xs profesionais do servizo denuncian a imposibilidade de realizala en Cangas, tendo que desprazarse a Vigo, “o que dilata enormemente o tempo de reacción para atender emerxencias”.

Neste sentido, apelou a un informe da CIG no que se conclúe que en Vigo non hai persoal suficiente para este labor e que moitas veces coincidían “até 10 ambulancias facendo cola” para ser desinfectadas, tendo que facelo as propias operarias dos vehículos e “retrasando imprudentemente a atención a calquera emerxencia que poida aparecer”.

“Estamos a falar dun servizo que afecta a milleiros de persoas, cun aumento poboacional considerábel en época estival, onde a actual flota de ambulancias non é suficiente”, incidiu, para a continuación reprochar que “mentres a Xunta deixa sen unha ambulancia medicalizada ao Salnés para dedicala a Sanxenxo durante o verán, vemos como trata a outras vilas e comarcas como se fosen de segunda categoría, aínda padecendo unha situación previa de precariedade”.
“Con COVID ou sen ela -subliñou- a comarca do Morrazo precisa aumentar a súa flota de ambulancias, debidamente equipadas, para dar unha asistencia áxil e axeitada”. A xuízo do deputado nacionalista, “intervir nun servizo de emerxencias con capacidade para atender as necesidades da poboación non debería ser obxecto de debate”. “É de xustiza”, concluíu.

Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement