O BNG de Vigo pide que cese a “violencia institucional” contra quen ousa discrepar do alcalde

A fronte nacionalista reiterou á Favec o seu completo apoio perante a ameaza de desaloxo da sede que ocupan desde hai varias décadas.-

Demandan un novo regulamento de participación cidadá para alargar o papel protagónico da veciñanza e dos movementos sociais.-

Xabier P. Igrexas: “Democracia non é só votar cada catro anos. Democracia é sobre todo diálogo e participación. É escoitar, sobre todo a quen pensa diferente. Como se fai no movemento veciñal todos os días”.

O Bloque Nacionalista Galego reiterou o seu “total apoio” á Federación de Asociacións Veciñais de Vigo “Eduardo Chao” (Favec) perante a ameaza de seren desaloxadas da sede que ocupan desde hai varias décadas nun edificio municipal. A fronte nacionalista reclama que cese “a violencia institucional contra quen ousa discrepar do alcalde” e demanda alargar a calidade da democracia a nivel municipal cun novo regulamento de participación cidadá que “evite tics autoritarios e tiránicos e obrigue a escoitar a cidadanía”.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo esta mañá un encontro coa Comisión Permanente da Favec, cando se vén de cumprir unha semana do feche que manteñen na sede ante a ameaza de desaloxo por parte do Goberno local. “Estamos perante unha inaceptábel represalia política contra a Favec. O mesmo alcalde que presume de ser a oficina antidesafiuzamentos da cidade pretende nada menos que desaloxar o movemento veciñal porque non lle din amen nin o adulan”, denunciou.

Nese sentido, o portavoz municipal nacionalista criticou a crecente “deriva autoritaria” por parte do Goberno municipal. “Non se pode tentar afogar ou esmagar a quen discrepa e menos utilizando medios ou diñeiro público”, reprochou. Aliás, Igrexas mostrouse certo de que “ningunha viguesa ou vigués que votou, lexitimamente, a Abel Caballero o fixo para que utilizase a súa maioría absoluta de maneira tiránica ou para ‘extorsionar’ politicamente a quen non pensa coma el”.

Novo regulamento de participación cidadá

Igrexas lembrou que a primeira moción que promoveu o BNG no inicio deste mandato foi, precisamente, a de impulsar un novo regulamento de participación cidadá, como instrumento para alargar a calidade democrática e apostar decididamente por un maior protagonismo da veciñanza e dos movementos sociais. “Democracia non é só votar cada catro anos. Democracia é sobre todo diálogo e participación. É escoitar, sobre todo a quen pensa diferente. Como se fai no movemento vecinal todos os días”, defendeu.

“Abel Caballero cre que gaña reducindo a cidade ao seu monólogo, cun pleno ornamental, cos movementos sociais silenciados por medo e amplificando o seu discurso con propaganda financiada con diñeiro de todas e todos. Pero así perde a cidade e a democracia. Vigo é unha cidade plural e diversa”, remachou.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.