Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Museo de Pontevedra vai converterse nun ‘museo itinerante’ que seguirá o Camiño Portugués

Os obradoiros de ‘O Museo en Camiño’ están organizados polo Museo e a Xunta e celebraranse en Tui, Ribadelouro, Redondela, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas, Valga e Pontecesures e Padrón

A iniciativa realizaranse durante abril, maio e xuño para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos que aínda non viviron ningún Ano Santo

O MUSEO DE PONTEVEDRA MÉTESE NUNHA ‘MALETA VIAXEIRA’ PARA DAR A COÑECER OS SEUS FONDOS E DIFUNDIR O ‘ESPÍRITO XACOBEO’ POLO CAMIÑO PORTUGUÉS


O Museo de Pontevedra vai converterse nun ‘museo itinerante’ que seguirá o Camiño Portugués. Así o fará grazas á iniciativa ‘O Museo en Camiño’, un programa didáctico que pretende difundir os valores da ruta milenaria e o ‘universo xacobeo’ así como o patrimonio atesourado pola institución provincial entre nenos e nenas de dez poboacións da ruta portuguesa a Santiago.

Os fondos da institución chegarán á cativada da man dunhas ‘maletas viaxeiras’ con réplicas de pezas consideradas esenciais para o Museo de Pontevedra: o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano, o miliario romano de Salcedo, o retablo de San Acacio, un Santiago Pelegrín do século XVII, a obra ‘Santa María dende A Caeira’ de Sobrino Buhígas, unha autocaricatura de Castelao, a obra ‘O Mercado’ de Carlos Maside, ‘A Terra’ de Manuel Torres, ‘Santa Tegra’ de Lugrís, e ‘Mulleres parolando’ de Luis Seoane. Todas elas foron escollidas por seren unha mostra representativa do que é o gran colector cultural que é o Museo e serán a base sobre a que desenvolver unidades didácticas para traballar contidos relacionados coa historia, a arte e o patrimonio.

O director do Museo Xosé Manuel Rey explicou que para cumprir a súa función social os museos están obrigados a reinventarse e deseñar iniciativas como esta que lle permiten achegarse a novos públicos tanto por orixe como por idade . “É un proxecto que axuda a entender o Camiño como eixo que articula a dimensión cultural da ruta xacobea e a propia colección do Museo como parte significativa deste legado”, destacou, ao tempo que lembrou que moitas das rapazas e rapaces que participarán nos obradoiros (de entre 6 e 12 anos) aínda non viviron un Ano Xacobeo e descoñecen o sentido e a significación plena do Camiño.

Pola súa banda, a comisaria do Xacobeo 2021 Cecilia Pereira, destacou que este proxecto pretende dinamizar o Camiño de Santiago e poñer en valor o patrimonio cultural axustándose ao que a Xunta quería facer cando deseñou o programa de axudas ‘O teu Xacobeo’: implicar a todos os colectivos, institucións, fundacións, empresas no desenvolvemento do Xacobeo. Insistiu en que son moitos as galegas e galegos, a pesares de que hai 139 concellos atravesadas polas dez rutas xacobeas, que non coñecen todo o valor patrimonial tanto material como inmaterial que ten o Camiño, polo que iniciativas como a desenvolvida co Museo son positivas.
Pereira subliñou que “o Xacobeo está aí” e que “temos a sorte de que non sexa só este ano 2021, senón que continúa en 2022”. Destacou que a Xunta está agardando posibilidades de maior mobilidade e de aumentar aforos para levar iniciativas adiante: “Este proxecto tivo que agardar, pero agora coas recomendacións sanitarias vaise levar adiante. Sentimos que precisamos voltar á acción”, finalizou.

Pola súa banda África Martínez, integrante de Taller Abierto –que realizará os obradoiros xunto a ‘Paspallás’- afondou nos detalles da iniciativa. Explicou que a maleta-museo portátil vai viaxar a Tui, Ribadelouro, Redondela, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas, Valga e Pontecesures e Padrón durante os meses de abril, maio e xuño para traballar con nenos e nenas de Primaria (de 6 a 12 anos) en obradoiros de carácter plástico e creativo. Indicou que, ademais, está programada unha exposición no Museo de Pontevedra para o mes de setembro coa que se pechará o percorrido “coa intención de trasladar todo o vivido ao público”.

A inscrición debe formalizarse por medio do teléfono ou correo electrónico do equipo dinamizador, ata completar aforo dándolle prioridade á cativada das localidades de destino. Cada sesión terá unha duración de dúas horas e realizarase os xoves e venres pola tarde ou sábados pola mañá, estando aínda por pechar as datas definitivas.

O Museo en Camiño
Desde moi lonxe no tempo o Camiño de Santiago foi a ruta máis antiga e concorrida do continente europeo. Durante séculos, compartiu xunto a Roma e Xerusalén o atractivo para os camiñantes. Sen embargo, Compostela foi o único emprazamento que consolidou facer un camiño, é dicir, unha ruta estable que foi e segue sendo vía de difusión cultural e de encontro de xentes de todas as partes do mundo.
O último Ano Xacobeo celebrouse no ano 2010. Case unha década despois, hai unha nova xeración de nenas e nenos que non coñecen o Camiño e un numeroso grupo de xente nova que apenas tivo contacto coas manifestacións culturais que emanan do mesmo. Por outra banda, parte da cidadanía aínda percibe o Camiño como algo alleo que só desfrutan os que chegan a Galicia en busca dunha experiencia turística.


Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement