Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Museo de Pontevedra acoge "José Suárez, o fotógrafo galego máis internacional"

Estará aberta ata o 18 de abril cunha selección de 150 fotografías, cartas, documentos, libros, audiovisuais e catálogos

Os comisarios Xosé Luis Suárez-Canal e Manuel Sendón subliñaron que o Museo sempre foi o lugar no que pensaron pechar a itinerancia da colección polo mundo, que comezou en 2015

“José Suárez foi o fotógrafo galego máis internacional, non só pola relevancia da súa obra, senón por unha vida nómada marcada polo exilio e que quedou reflectida nas súas imaxes”. Con estas palabras o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, abriu a mostra ‘José Suárez 1902-1974’ que se poderá visitar no Edificio Castelao ata o vindeiro 18 de abril.

A colección chega a Pontevedra, segundo explicou o director do Museo, despois de varios aprazamentos “pola complicada situación que vivimos”, xa que estaba prevista para maio do pasado 2020 e se viu adiada polos peches temporais das instalación museística con motivo da pandemia. “En todo caso, aquí está xa José Suárez e a súa extraordinaria obra. Agardemos que a gocedes tanto coma nós”, subliñou Rey.

O comisario da mostra Xosé Luis Suárez-Canal indicou que a exposición de Suárez no Museo de Pontevedra ten “un significado particular” e que, de feito, cando en 2015 se iniciou a itinerancia polos países nos que viviu e traballou o fotógrafo “había a idea clara de que rematase no Museo”. O motivo non foi outro que o Museo foi o único sitio no que José Suárez quixo depositar parte da súa obra, 150 fotos en formato 6x6, unha colección importante e extraordinaria da que nalgúns casos non existen nin negativos.

A exposición percorre toda a traxectoria profesional do autor a través da exhibición dunha selección de 150 fotografías, máis un número importante de cartas, documentos libros, audiovisuais e catálogos que axudan a dar unha visión de conxunto da súa biografía profesional. Está dividida en tres partes, seguindo o percorrer da vida do fotógrafo, e todas as pezas teñen o formato 30x40 como no seu momento dispoñía Suárez, grazas a copias de autor, copias de época e copias actuais tomadas a partires de negativos.
Unha primeira sección da mostra fala de ‘Os anos 30: Por terras de Salamanca e Mariñeiros’, outra do ‘Exilio. 1936: Neve na Cordilleira, América del Sur, Xapón e Retratos’, e a terceira e última do ‘Retorno. 1959: La Mancha, Touros, Mediterráneo, Inglaterra e Galicia Anos 60’.
Suárez-Canal subliñou de José Suárez o uso da linguaxe fotográfica tomada das vangardas, afastada do costumismo, a súa relación co cine e a súa relación coa intelectualidade galega do exilio, as súas viaxes a Punta del Este e a Xapón ou o seu regreso a España “nun momento equivocado” co franquismo aínda presente para “ver viva á súa nai”, deixando de lado o recoñecemento que tiña no exilio na Arxentina.

Pola súa banda, o outro comisario, Manuel Sendón, salientou a fotografía de José Suárez como “totalmente distinta á dos fotógrafos históricos en Galicia”, fuxindo tanto das fotografías de encarga como das que se presentaban a premios “e facendo uso dela como ferramenta de expresión para abordar os temas que lle parecían interesantes”.

“Hai traballos que teñen unha dimensión extraordinaria, como ‘Mariñeiros’, que trascende o marco galego. No Estado Español é difícil atopar un traballo desa intensidade”, subliña Sendón, para destacar tamén a visión cinematográfica de Suárez, o uso das vangardas, o seu carácter humanista con posicionamentos incluso panfletarios e, en xeral, a calidade excepcional da obra.


Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement