Goberno de Vigo promete que recuperará en dous anos os seis inmobles fronte á Colexiata

Os seis pasarán a conformar unha única edificación de uso público dotacional, informou este martes o alcalde. Se recibiron 17 propostas ao concurso de ideas para recuperalos e o obxectivo municipal é finalizar as obras nun prazo de 24 meses. Vigo optará a fondos europeos.

Dous anos para rehabilitar a fronte oposta á Basílica de Santa María. Abel Caballero deu este martes a coñecer que 17 estudios se presentaron ao concurso de ideas lanzado polo Concello de Vigo para recuperar estes seis inmobles da Praza da Igrexa, fronte á Colexiata (recentemente designada como Basílica), que se converterán nunha sede municipal con usos públicos.

Son seis os edificios da Praza da Igrexa afectados polo proxecto municipal, do seis ao once, que pasarán a converterse nunha única edificación “arquitectónica en consonancia” co resto do espazo, segundo explicou o alcalde, cunha superficie total de 760 metros cadrados e uso público dotacional.

“Imos facer un edificio do Concello de uso cidadá”, manifestou o alcalde, quen avanzou que “haberá algún servizo municipal de gran importancia ao que accederá o público e queremos que haxa zonas que poidan ser de utilización por asociacións ou grupos da cidade. Queremos un edificio público, dotacional, aberto a toda a cidade e ao público”. Para executalo, o Concello levará a Europa esta actuación, segundo anunciou: “Vou optar a fondos europeos para a rehabilitación dese espazo tan importante para a cidade de Vigo”.

A Xerencia de Urbanismo deu conta do nomeamento do xurado -presidido pola tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María José Caride- e tamén das dezasete propostas recibidas ao concurso municipal, dotado con 5.000 euros para o terceiro premio, 7.000 para o segundo e 15.000 para o gañador, que ademais recibirá o encargo de redactar o proxecto de edificación e a dirección da obra.

Caballero revelou que o concurso de ideas se resolverá en mes e medio ou dous meses, e o estudo vencedor terá outros catro meses para redactar os proxectos básico e de execución. O goberno de Vigo estima tamén en seis meses a ocupación dos terreos afectados, co que estará en disposición de iniciar a licitación das obras dentro de medio ano. Despois, uns catro meses máis para adxudicalas e a finalización, en aproximadamente dous anos desde hoxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.