Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Convocan a primeira edición de “Mulleres no Foco”

A partir deste mércores, 31 de marzo, abrirase o prazo de presentación de candidaturas para a primeira edición de “Mulleres no Foco”, os Premios creados pola Deputación de Pontevedra, en colaboración con CIMA, Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais, para visibilizar e poñer en valor o traballo das mulleres do audiovisual da provincia e de Galicia. 


No acto de presentación, ambientado con escenografía cinematográfica e que contou coa actuación  da “activista da cultura” Su Garrido, a presidenta provincial, Carmela Silva deu a coñecer os premios xunto a dúas profesionais “comprometidas con todas as mulleres que deixarán a súa pegada na historia e serán as referentes de outras que virán detrás”. Trátase da presidenta de CIMA, Cristina Andreu e Chelo Loureiro, representante en Galicia. Ademais, o acto contou con dúas intérpretes de linguaxe de signos para “chegar a todas as mulleres”.


Carmela Silva puxo en valor estes premios que distinguirán “perfís con perspectiva de xénero, activistas polo recoñecemento da muller no sector, impulsoras do emprego feminino, o talento e a traxectoria de tantas mulleres que se dedican ao audiovisual nos seus diferentes eidos”. Haberá tres premios de 3.000 euros cada un e unha vez que o xurado teña decididas as gañadoras a Deputación fará “unha potente gala para seguir con este proxecto de traballar a carón das mulleres para que poidamos ocupar todos os espazos que nos corresponden e que son nosos”, anunciou a presidenta provincial. Silva aproveitou a ocasión para recalcar que “as mulleres estamos fartas de estar fóra do plano e estamos decididas a poñernos de pé e no centro, que é o espazo que nos corresponde”.


Os premios “Mulleres no Foco” perseguen catro grandes obxectivos. O primeiro deles é recoñecer a traxectoria de todas as mulleres do audiovisual e “facer que cheguen ao conxunto da sociedade porque precisamos de referencias se queremos que máis nenas e mozas se dediquen ao audiovisual e rachar así coas cifras que que temos hoxe en día e que son absolutamente intolerables”, declarou a presidenta da Deputación. Os premios buscan tamén visibilizar o traballo de todas esas mulleres que non aparecen nos medios de comunicación, para Silva “debería haber unha discriminación positiva porque levamos moito tempo invisibilizadas e temos que ir camiñando cara a igualdade”. Os galardóns poñen en valor o traballo da muller no audiovisual galego, tal e como se amosou nunha peza proxectada ao inicio do acto con anacos de filmes e curtas dirixidas por galegas. Por último, con “Mulleres no Foco” a Deputación de Pontevedra e CIMA demandan todas as historias que quedan por contar. En palabras de Carmela Silva “as mulleres temos historias propias que contar e queremos poder contalas para construír unha sociedade con dúas miradas e que se fale de nós”. 


Cristina Andreu, presidenta de CIMA, tomou a palabra para agradecer á Deputación a organización deste certame tanto pola súa dotación económica, posto que “as mulleres non o facemos todo por amor á arte”, como pola visibilización de todas as mulleres da industria audiovisual, “na que non soamente hai directoras e creadoras”. Andreu lembrou que en moitas ocasións dicíaselle ás mulleres que “non estábamos nos postos de dirección porque non tiñamos talento” e fíxose a seguinte pregunta: “se non traballamos en igualdade, como podemos medir o talento?”. A presidenta de CIMA fixo unha reivindicación das aptitudes das mulleres que fan audiovisual e concluíu que “pode que algunhas non teñan tanto talento pero... cantos homes fan audiovisual neste país e tampouco o teñen pero aínda así están aí día tras día?”. Dende CIMA están a loitar activamente para que todas as leis que se están a aplicar e desenvolver no eido audiovisual “sempre teñan medidas de acción positiva para que as mulleres consigamos a igualdade”. Andreu lembrou tamén que o consumo de audiovisual medrou fortemente a raíz da pandemia e amosou a súa preocupación “polo aumento da violencia de xénero posto que se a mirada do audiovisual é soamente da metade da poboación a sociedade é coxa e inxusta. Temos que conseguir que a mirada da muller impregne todo o audiovisual porque sen ela seguirá habendo inxustiza”.


Pola súa banda, representante de CIMA en Galicia, Chelo Loureiro, quixo facer un recoñecemento ao labor da Deputación ao levar a cabo este proxecto, “non me podo negar a participar en todo canto propoñedes porque poucas veces atopas políticas ou políticos con tanto nivel de proximidade, cas e cos que poidas falar de todo e que rapidamente se poñen a realizar as boas ideas”. Para Loureiro a sororidade coa que actúan as mulleres da industria audiovisual apoiándose mutuamente e recoñecendo os éxitos das súas compañeiras é fundamental. Na súa intervención destacou tamén que “nesta última década están agromando un montón de mulleres novas que finalmente se deron conta de que podían facer audiovisual porque tiñan referentes e por iso é moi importante a creación deste tipo de premios”. Tamén resaltou a invisibilidade das mulleres no resto dos eidos do audiovisual, ata en sectores nos que si son maioría como perruquería ou vestiario.  

Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement