COGAMI inicia en Pontevedra un curso de limpeza hospitalaria

Un total de 15 persoas con discapacidade iniciaron esta formación que forma parte do programa de inserción Máis Emprego que financia Fundación “la Caixa”.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) dá comezo ao mes de marzo co inicio dun curso de Limpeza hospitalaria que se está a desenvolver en Pontevedra e no que asisten un total de 15 persoas, todas elas co certificado de discapacidade recoñecido ou de incapacidade laboral para profesión habitual.

Financiado pola Fundación “la Caixa” en colaboración con el Fondo Social Europeo (FSE), este curso forma parte do programa “Máis Emprego” e ten como obxectivo o acceso do alumnado ao mercado laboral por vez primeira ou conseguir a reciclaxe profesional.

O alumnado, que conta con idades comprendidas entre os 37 e os 60 anos, procede dos concellos de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Marín, Cangas, Poio, Vilaboa, Vilanova de Arousa e Barro.

O curso constará dunha duración total de 100 horas lectivas, impartidas durante ás mañás, co que rematará o 30 de marzo. Para superar a formación, o alumnado terá que asistir a 30 horas de clases teóricas e a 70 de prácticas en empresas da zona. A formación finalizará coa asistencia a un seminario de busca de emprego, onde poderán mellorar as súas habilidades de acceso ao mercado laboral.