Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Berta Dávila e Alfonso Zarauza falan sobre a Cultura e sobre a Vida no segundo "Referentes"

Berta Dávila e Alfonso Zarauza falan sobre a cultura e sobre a vida no segundo Referentes. A escritora e o guionista e director de cine conversan mañá xoves, día 25, ás 20h30 sobre as súas profesións e sobre o que supuxo a paternidade e a maternidade nas súas vidas no segundo programa da proposta audiovisual da área de cultura da Deputación da Coruña

Este xoves, 25 de marzo, ás 20h30 estréase no Facebook e no Youtube da Área de Cultura da Deputación da Coruña a segunda entrega do proxecto audiovisual dixital Referentes, protagonizada pola escritora Berta Dávila e polo guionista e director de cinema Alfonso Zarauza.

O dereito á vulnerabilidade e á beleza centra parte da conversa, na que ambos os dous reflexionan sobre a importancia que ten a creatividade nas súas vidas. "A escritura é unha arma moi poderosa para unha persoa tímida, porque che permite dialogar sen ter que formar parte dese diálogo”, recoñece Berta Dávila. Alfonso Zarauza, pola sea banda, salienta: "a cutura dótate de cuestións que despois te fan libre, que te constitúen como persoa que mira o mundo dunha determinada maneira”.

Ao falar da importancia que tivo a maternidade e a paternidade nas súas vidas, o cineasta recorda que "a imperfección forma parte de ter un fillo e educalo" e a escritora afirma que “en cada obxecto de puericultura que compras hai implícito o concepto de culpa”, coa mensaxe "compra este obxecto, que saberá salvarte da túa incapacidade para xestionar a túa vida e a do teu neno”. Porén, recorda Dávila, “non pasa nada por equivocarte e tamén hai é unha cousa que lles aprendemos a eles”.


A conversa entre Berta Dávila e Alfonso Zarauza estará dispoñíbel nas redes sociais da Área de Cultura da DAC a partir do xoves 25 de marzo ás 20h30

Berta Dávila é unha das escritoras contemporáneas galegas con máis talento e recoñecemento, tanto na poesía coma na narrativa. Creadora e creativa, cada obra que publica é recoñecida por público e crítica e no seu curriculum atesoura premios como o Biblos de Novela, o Premio da Asociación Galega de Editores, o Premio Johán Carballeira, o García Barros, o Premio da Asociación de Escritores en Ligua Galega, o Premio da Crítica Española ou o Premio de Narrativa Breve Repsol, que gañou dúas veces. É autora de poemarios como Corpo Baleiro (2007) ou Raíz da fenda (2013) e de novelas como O derradeiro libro de Emma Olsen (2013), Carrusel (2019) e Illa Decepción (2020).


Alfonso Zarauza é guionista e director de curtas, series, documentais e longametraxes. Na súa filmografía destacan as longametraxes A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014) e Ons (2020), que vén de recibir 12 candidaturas aos Premios Mestre Mateo. O seu estilo fílmico, a forma de narrar e expresar, os temas sobre os que fala e o xeito de abordalos dende o punto de vista do guión e da composición audivisual recibiu o recoñecemento de festivais, certames, crítica e público.

A xornalista Marga Pazos, gañadora dun Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora, conducirá a conversa entre estas dúas mulleres referentes presentes e futuras da sociedade galega. Falarán da vida e da paixón coa que elas a afrontan e ese diálogo desenfadado ofreceralle ao público unha oportunidade única para ver a actualidade dende un novo prisma, reflexionando sobre a nosa cultura e sobre as ferramentas que nos ofrece para reinventarnos.


A cultura en tempos de pandemia, máis dereito ca nunca
Neste contexto pandémico no que se unen unha certa tensión no ambiente cun enorme consumo audiovisual na rede, un novo proxecto busca recuperar o pracer do diálogo amable e construtivo entre persoas con diferentes perfís e intereses. Referentes é un proxecto audiovisual dixital, un ciclo de charlas entre persoas de referencia na nosa cultura que se poderá ver de balde na rede co obxectivo de "afondar no Nós colectivo", en palabras de Xurxo Couto. Cada mes, difundirase unha conversa entre Referentes da cultura e da sociedade galegas, que nos permitirán coñecer e valorar o noso xeito de vida e situarnos inequívocamente no mundo, proxectándonos cara un futuro tan difuso como incerto coa nosa identidade como piar básico.

A área de cultura da Deputación da Coruña que dirixe Couto impulsa esta proposta para "afondar na diversidade do noso pobo a través dunha serie de conversas entre artistas, intelectuais e pensadoras de diversos ámbitos e disciplinas que nos amosarán unha visión da nosa realidade cultural e social inspiradora e motivadora". O obxectivo que persegue a Deputación da Coruña é o de "imaxinarmos novos mundos dende o agora, empregando a cultura como bálsamo e motor con ánimo analítico, propositivo e transformador da nosa realidade". "Unha cultura, unha lingua e un país precisan ter os seus propios referentes", explica Couto. "No caso galego, temos figuras de relevancia que están a abrir camiños e tamén a exportar a nosa cultura e presentarnos e representarnos máis alá das nosas fronteiras... e este programa quere que se coñezan a fondo e que se escoiten".

Referentes enmárcase dentro da campaña "A Cultura é un dereito" artellada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña para afianzar a mensaxe de que a cultura constrúe unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial. "Ao noso ver, a cultura é fundamental para a sociedade, é un dereito para todos e todas e tamén un sector de especial relevancia non só para a economía do país senón tamén para a nosa calidade de vida", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

O mundo da cultura é dos que máis forte está a sufrir o impacto da pandemia do coronavirus. Un impacto que non se cinxe só no eido laboral, con miles de profesionais afectados, senón en canto á cultura como dereito social, como alierce dunha sociedade, como ferramenta para a mellora social. "Acreditamos firmemente en que a cultura é un dereito, que alimenta, que nos fai o que somos", remata Couto. "O espazo das ideas e dos valores, que non pode reducirse a ornamento. Por iso traballamos. Cultura en todos os concellos, cultura con todas as persoas".


A artista multidisciplinar Mercedes Peón e a chef Lucía Freitas protagonizaron o #Referentes01​, xa dispoñíbel nas redes sociais da Área de Cultura da DAC

Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement