Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

La Deputación de Silva y el BNG presume de "músculo financiero" y superávit de más de 13 millones

O Pleno da Deputación de Pontevedra pechou hoxe formalmente o exercicio orzamentario de 2020, o ano da pandemia, dando o visto bo á liquidación dunhas Contas que "certifican a calidade na xestión económica dunha das Administracións máis solventes do Estado", dixo a presidenta Silva. O 2020 pechouse con superávit e o fito de non ter levantado un só reparo de Intervención. Os informes ratifican tamén o cumprimento, a pesar do complicado contexto socioeconómico, dos principios de estabilidade orzamentaria e regra de gasto, así como a práctica eliminación da débeda. E todo elo "reforzando, aínda máis, a privilexiada posición como a Administración provincial de toda España que máis fondos transfire aos concellos, chegando ata a cifra récord do 35,35%", un balanzo cualificado como “histórico” polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font.

A Intervención da Deputación tamén deixa claro nos seus informes que a estabilidade orzamentaria alcanzouse con folgura, ao rexistrarse un superávit de máis de 13 millóns de euros. A maiores, a Deputación cumpriu sobradamente co principio da regra de gasto, a pesar de estar suspendido polo Ministerio de Hacienda a causa da pandemia, e volveu acreditar a súa axilidade para atender as facturas dos provedores cun período medio de pago de tan só 12,8 días. Carlos Font subliñou que "a Deputación foi quen de pagar practicamente o 100% das obrigas recoñecidas ao longo do ano. Ao peche deste Orzamento tan só constan tres facturas, por importe de pouco máis de 3.000 euros, e que foron presentadas despois do 31 de decembro. A maiores tan só figuran as validacións dos desprazamentos e horas extra do persoal que non foran autorizadas con carácter previo". “Somos a Administración de toda España con menor número de facturas abonadas a través do mecanismo do recoñecemento extraxudicial de crédito, que antes de que nós chegaramos ao Goberno aquí era a norma habitual, pois no ano 2014 chegouse a pagar un 15,5% do total por esta fórmula, por non mencionar que nos atopamos facturas sen validar no caixón por valor de 3,6 millóns de euros”.

O vicepresidente, César Mosquera, afirmou que a situación económica “é francamente boa, se miren os números por onde se miren”. Un balanzo que, remarcou, "cobra aínda máis valor polo feito de que se alcanzou ao tempo que se rebaixaba a débeda e se cumpría con tódalas obrigas. O rigor na xestión económica aumentou moitísimo e, aínda que a perfección non exista, seguimos avanzando para que a mellora siga e siga”.

O interventor tamén destaca que en todo 2020, a Deputación só pagou 100.000 euros coa fórmula dos anticipos de caixa fixa, ou pagos a xustificar. E todos eles foron librados con informe favorable, o que volve demostrar o esforzo de planificación e control do gasto corrente. O remanente de Tesourería ao peche do ano ascendeu a 155,5 millóns de euros (algo máis dun 5% sobre o ano anterior). Gran parte dese remanente xa está financiando créditos de gastos por valor de 129 millóns de euros que, xunto coas desviacións positivas (3,9 millóns) e compromisos de ingresos (7 millóns de euros) alcanzan créditos de gastos por un total de 140,6 millóns. A débeda provincial quedou en 1,8 millóns de euros, despois de comezar o ano en 7,6 millóns. “Atopámola en 40,9 millóns de euros cando chegamos ao Goberno no ano 2015 e estamos a piques de eliminala. Recibimos unha Administración hipotecada e agora somos unha Administración modélica que está a un paso da débeda cero. Non é cuestión de maxia, nin de arquitecturas financeiras, tan só de respecto máximo polos recursos públicos”, destacou Font.

O nivel de execución do Orzamento mantense en torno ao 50%, como vén sucedendo dende 2019, ano en que se conseguiu unha suba dun 12% sobre o exercicio anterior, difícil de alcanzar para unha administración cuxo nivel de execución depende en gran medida do ritmo no que os concellos certifican os gastos subvencionados pola Deputación. Estas cifras foron consideradas como “altamente satisfactorias” dado que se refiren ao ano da pandemia, no que se tiveron que aprobar varias prórrogas na execución de obras a cargo dos Concellos, especialmente no Plan DepoRemse de mobilidade segura en viarios municipais. Finalmente, a situación da pandemia impediu a celebración de moitas actividades e programas dos distintos servizos provinciais. Nesta liña, Mosquera alertou do impacto da pandemia na vontade de financiar “proxectos maduros”, listos para ser licitados. Iso repercutiu no grao de execución do Orzamento e incrementou os remanentes. O vicepresidente dixo que, “aínda que non é nada grave, porque os investimentos acaban facéndose, creo que hai que seguir presionando por aí, aínda que sen asfixiar aos concellos”. Ademais, advertiu da posibilidade de que se volva limitar a utilización dos remanentes, “así que mellor que nos anticipemos para que non nos pille o problema”.

As transferencias aos concellos son o eixe característico na xestión do gasto público dende a Deputación de Pontevedra que volve ser a Administración que máis fondos entrega aos concellos. Alcanzouse o 35,34% sobre o Orzamento provincial total, o que supón un novo récord e un crecemento de 2,69 puntos con respecto ao ano anterior.

Tras o pleno Carlos Font resumiu que “en definitiva, a Deputación afronta o futuro con garantías, con remanente de tesourería positivo, débeda case cero, e pagos a provedores en menos de 13 días; unha Administración solvente, comprometida, que dobra o nivel de transferencias da media estatal, que aposta pola autonomía local sen tutelas e que está totalmente envorcada en transformala provincia”

--------------

O PP pide ao goberno da Deputación que explique como están os trámites e a viabilidade para recuperar a xestión directa dos parques comarcais de bombeiros

Cubela critica que “utilicen a dación de conta dos informes de intervención para facer un mitin político co que esconder un pleno sen contido”.

“Describen a xestión do goberno no ano 2020 como algo ideal nun mundo ficticio. Esta liquidación demostra que ao final, de todas as deputacións galegas, a única que non estivo á altura no apoio aos sectores económicos afectados pola pandemia foi a de Pontevedra”,
sinala.


O grupo provincial do Partido Popular reclamou hoxe ao Goberno da Deputación de Pontevedra información sobre os trámites que están facendo e os estudos de viabilidade para recuperar a xestión directa dos parques comarcais de bombeiros provinciais, entre os que se atopan os de Bueu, Ribadumia, Vilagarcía e O Porriño. O voceiro do PP, Jorge Cubela, pediu coñecer o contido dos informes económicos, financeiros e xurídicos sobre a viabilidade deste cambio de modelo. En definitiva, explica Cubela, o que queren é saber que sucederá cos traballadores dos parques no caso de que se asuma esa nova xestión, o custe que terá, a calidade do servizo que se prestará e cando se fará o cambio.

Ademais, durante o pleno, Cubela tamén criticou que os voceiros do PSOE e do BNG aproveitasen unha dación de contas dos informes de intervención, uns puntos que non requiren debate nin votación porque simplemente é dar conta á corporación, para dar un mitin político no que “describiron a xestión do goberno da Deputación no ano 2020 como algo ideal nun mundo ficticio”. Nesta liña, Cubela dixo que “esta liquidación demostra que ao final, de todas as deputacións galegas, a única que non estivo á altura no apoio aos sectores económicos afectados pola pandemia foi a de Pontevedra”.

Para o voceiro do PP, estas intervencións “intentaban camuflar que o Goberno provincial convocou un pleno sen contido, e por iso intentaron xustificar a apariencia de que 2020 foi un ano de éxito para a provincia, cando a realidade amosa un panorama ben distinto”. Ademais, critica que se permitisen intervencións de 10 minutos cando o regulamento provincial só permite ese tempo nos debates dos orzamentos. Por último, pediu ao Goberno provincial que “reflexione durante o 2021, que o bo comportamento que houbo por parte desta corporación a nivel de entendemento político nos primeiros sete meses do ano pódese volver a reproducir si o Goberno provincial quere”.

(Imaxe : Deputación)






Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement