Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

‘Ons’, de Alfonso Zarauza, supera os 5.000 espectadores nas salas de cinema galegas


  • Na súa quinta semana en cartel mantense na maioría das cidades galegas, e nos vindeiros días terá novos pases especiais en Nigrán e Vigo.

  • O filme, que estrea sitio web e making of, presenta 14 candidaturas aos XIX Premios Mestre Mateo, entre elas a de Mellor Longametraxe. 


A película ONS continúa na carteleira tras superar os 5.000 espectadores nas salas de cinema galegas. A longametraxe de Alfonso Zarauza finalizará a súa quinta semana con presenza na maioría de cidades galegas e novos pases especiais no Cine Imperial da Ramallosa (Nigrán) os vindeiros días 22, 23 e 24 de xaneiro. Para o 29 e o 31 están xa anunciadas novas proxeccións con coloquio no Cine Teatro Salesianos de Vigo, logo do gran éxito acadado na fin de semana anterior, no que ONS logrou ser  filme con máis espectadores por pantall de toda España


Logo de ser un dos titulos máis populares na carteleira galega do último mes, e mentres resiste en salas de Compostela, Vigo, Ourense, Pontevedra, Lugo e Ferrol, o filme de Zarauza encara a seguinte etapa da súa distribución no circuíto de cineclubes, auditorios e outras entidades culturais, que xa están a programar o filme dentro e fóra de Galicia. Para facilitar o contacto con colectivos que queiran organizar unha proxección, a película vén de abrir un espazo web con información e materiais promocionais: onspelicula.com, destinados tamén aos fans de ONS, que poderán ver o making of do filme, feito pola realizadora viguesa Lucía Estévez


14 candidaturas aos Mestre Mateo


Ademais ‘Ons’, preséntase aos XIX Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual con 14 candidaturas: mellor longametraxe, mellor intérprete feminina protagonista (Melania Cruz), mellor intérprete masculino protagonista (Antonio Durán ‘Morris’), mellor intérprete masculino de reparto (Xúlio Abonjo), mellor intérprete feminina de reparto (Marta Lado), mellor dirección (Alfonso Zarauza), mellor guión (Alfonso Zarauza e Jaione Camborda), mellor dirección de fotografía (Alberte Branco AEC), mellor dirección de arte (Elia Robles), mellor dirección de produción (Tamara Soto), mellor son (Sérgio Silva e David Machado), mellor vestario (Saturna), mellor maquillaxe e perruquería (Raquel Fidalgo e Patricia Vilela) e mellor montaxe (Fernando Alfonsín). O vindeiro 1 de febreiro a Academia dará a coñecer as candidaturas finalistas para a gala dos Mestre Mateo, que se celebrará o 27 de febreiro na Coruña. 


O filme, coproducido con Portugal,  é un drama emocional con toques de misterio protagonizado por Melania Cruz e Antonio Durán ‘Morris’. Interpretan un matrimonio en crise, que trata de salvar a súa relación vivindo unha temporada na illa de Ons e que cruza o seu destino co dunha muller amnésica que aparece naufragada na praia. Completan o reparto Xúlio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Miguel de Lira, Diego Anido, Montse Martínez e Cris Iglesias.  


Trátase da quinta longametraxe de Alfonso Zarauza, un dos cineastas galegos máis sólidos e experimentados, tras A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014) e A viaxe dos Chévere (2014). Ons está coproducida por Maruxiña Film Company (Galicia) e Bando à Parte (Portugal) e conta coa participación da Televisión de Galicia (TVG) e da Rádio e Televisão de Portugal (RTP), con subvención de Agadic e coa colaboración da Deputación de Pontevedra. 

Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement