martes

“Violencia Zero”. High Paw leva “Xogos e chagas” a Cangas

A artista viguesa  chegou ao pavillón do IES María Soliño de Cangas acompañada pola súa guitarra para ofrecer un concerto no marco da sexta edición de “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, un programa da Deputación de Pontevedra. No acto estiveron presentes Victoria Alonso, deputada provincial, María Victoria Portas Mariño, concelleira de Asuntos Sociais e Feminismo do Concello de Cangas, e 45 alumnos e alumnas que cursan o Bacharelato no centro.

Baixo o título de “Xogos e chagas” High Paw interpretou varios temas musicais, tanto propios coma versións, nunha acción creada expresamente para “Violencia Zero”. A artista aproveitou a ocasión para sorprender ao público coa estrea dun novo tema no pavillón do IES. Entre as versións que tocou destacou a dun tema da cantante moañesa Wöyza, que participou na terceira edición do programa provincial e que xa se converteu nunha referente para as novas xeracións de artistas. Durante a actuación narrou as situacións nas que se ve sumida unha muller dende o mesmo intre no que nace polo mero feito de ser muller. Deste xeito, a música trasladou aos e ás estudantes a figura dunha muller aventureira que non se deixa influenciar polo contexto, así como a necesidade de atopar o equilibrio entre vivir sen medo e os danos que isto supón. Para High Paw este equilibrio atópase entre a aventura e a precaución e tradúcese nunha procura eterna para as mulleres que habitan baixo a ameaza heteropatriarcal. Co fin de evitar distorsións que puideran sacar o foco desta mensaxe, a cantante tan so empregou a súa voz e a súa guitarra.

A deste martes en Cangas foi a cuarta acción deste “Mulleres en Acción. Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra, despois do seu paso por Pontevedra, Vigo e A Estrada. O proxecto, que ten por obxecto visibilizar á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade, inclúe accións de performance, muralísticas, de danza contemporánea, poesía ou acción escénica.