Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

VIGO) Continua la rehabilitación del Casco Vello

Fernández-Tapias destacou o compromiso da Xunta co desenvolvemento e rehabilitación do Casco Vello vigués

A representante autonómica afirma que o interese principal do ente público enfócase na recuperación para a veciñanza da fachada do Berbés

 

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, desprazouse hoxe ata o barrio histórico para supervisar o remate das obras da edificación de Berbés 41. Unha visita na que aproveitou para loar a intensa labor de rehabilitación levada a cabo polo organismo público, e celebrar que son “cada vez máis as familias que fixan no casco vello vigués a súa residencia”.

Esta obra, firmada polo arquitecto David Vázquez de Irori Arquitectura, conta cunha superficie construída de 213,82 metros cadrados e suma dúas novas vivendas de dous dormitorios -tipo dúplex– ao parque do CCVV. Unha delas orientada á fachada do Berbés e a outra á rúa San Francisco. Dúas vivendas de protección autonómica que, segundo informou Fernández-Tapias, se sortearán o vindeiro mes de xaneiro, tras adxudicar recentemente tres en Real 25 e Cruz Verde 12. Este proxecto contou cun orzamento superior aos 235.000 euros.

Asemade, a delegada, quen insistiu en que o interese principal do ente público enfócase na recuperación para a veciñanza da fachada do Berbés, tivo oportunidade de achegarse ás outras dúas promocións que o ente rehabilitador ten en marcha no barrio histórico e comprobar o avance das obras; a de Berbés 29 e San Francisco 15.

A obra de Berbés 29 foi adxudicada a Construcións Abal por un importe superior aos 859.000 euros e permitirá a creación de 4 novas vivendas e un local comercial na popular praza mariñeira viguesa. E, tal e como detallou Fernández-Tapias, supón unha das rehabilitacións de maior envergadura acometidas polo Consorcio na zona do Berbés desde a súa creación.

No caso de San Francisco 15, o proxecto presentado polo arquitecto Rafael Cabeza Rey-Stolle e adxudicado por máis de 307.000 euros, permitirá dotar á zona de dúas novas vivendas tipo dúplex con máis de cento dez metros cadrados de superficie cada unha delas.

Neste contexto, a presidenta do organismo rehabilitador insistiu na importante labor desenvolvida nos últimos anos polo Consorcio Casco Vello de Vigo (participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello) e que se traduce na adquisición de 82 inmobles, nos que se rehabilitaron 110 vivendas e 33 locais.

Segundo dixo, a política da Xunta nesta materia vén a cubrir unha carencia manifesta na cidade co maior número de demandantes de vivenda en Galicia, unha situación que se viu agravada pola anulación xudicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que mantén o urbanismo de Vigo nun limbo cinco anos despois.

Fronte a esta situación, Fernández-Tapias sinalou que as contas autonómicas para o 2021 reflicten unha aposta decidida neste ámbito, destinando a vivenda na cidade máis de 12,5 millóns de euros. Asemade, de novo o Goberno galego volve a duplicar o investimento do Consorcio Casco Vello de Vigo incluíndo nos orzamentos do 2021 unha partida de 3,18 millóns de euros.

Respecto ás novas actuacións, a presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo volveu a insistir na necesidade de que o Concello vigués habilite os mecanismos expropiatorios que se precisan para adquirir ata un total de cinco inmobles que se ten identificados como potencialmente rehabilitables. “Non é un problema de fondos, senón de vontade política”, advertiu a representante autonómica, que insistiu unha vez máis na “vella aspiración do Consorcio” de que o alcalde de Vigo firme “dunha vez por todas” o convenio de expropiación que mantén paralizado desde o 2017.

“É a única vía para que podamos seguir investindo na parte alta”, sinalou, en clara referencia a varios inmobles que o ente rehabilitador non é quen de adquirir por diversas circunstancias como a imposibilidade de acordo entre os seus propietarios. Segundo cifrou, “estariamos a falar concretamente de cinco edificacións”, as correspondentes a Ferrería 1, Abeleira Menéndez 14, San Sebastián 20 e Subida ao Castelo 9 y 11.


Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement