A PLANTA ORNAMENTAL E A FLOR CORTADA DO BAIXO MIÑO XA TEN O SELO QUE IDENTIFICA A SÚA CALIDADE E SUSTENTABILIDADE
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou a iniciativa no viveiro O Piñeiro xunto á presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, e as alcaldesas do Rosal e Tomiño, Anxela Fernández e Sandra González
A campaña de apoio “a un sector fundamental para o Baixo Miño” lanza un vídeo “que chega ás emocións” para animar a comprar este produto de proximidade
A planta ornamental e a flor cortada cultivadas no Baixo Miño contan xa cun selo identificativo que garante a súa calidade e sustentabilidade grazas á iniciativa da Deputación de Pontevedra e da Asociación acuBam. Esta distinción é parte da nova campaña lanzada para animar á cidadanía a mercar este produto de proximidade que constitúe un dos principais sectores na actividade económica nesta comarca e que este ano estivo marcado por unha profunda crise con motivo da pandemia da Covid-19.
O Viveiro O Piñeiro foi o escenario escollido hoxe para a presentación, na que a presidenta, Carmela Silva, fixo fincapé no feito de que este sector “é de futuro” porque “está moi vinculado ao que se está a demandar: a necesidade dunha economía diferente, na que pasemos de destruír a coidar o planeta”. Incidiu na importancia deste novo selo de calidade, cuxa imaxe fusiona unha planta e unha flor en varias cores, “que permite que a xente saiba que aí está o mellor”. Tamén destacou que o vídeo, no que se pon de releve á importancia de agasallar flores da man dunha parella de persoas maiores e das traballadoras, “chega ás emocións”. “Animo á xente a que saiba que este é un sector potentísimo, de proximidade, sostible, que temos que coidar porque xera moita actividade e emprego, por certo emprego de mulleres, que son as protagonistas tamén do vídeo”.
A presidenta recoñeceu así mesmo a labor de acuBam á hora de ter unido a este sector no Baixo Miño, “porque hai que agrupar sinerxías para ser máis fortes”, e recoñeceu a labor neste senso da anterior presidenta do colectivo, Patricia Rodríguez, así como da actual, Mariví Álvarez. E subliñou que o apoio da Deputación ao sector “é unha obriga; para iso xestionamos o público, para que a xente da terra viva mellor”. Neste senso, congratulouse do feito de que sector comeza a recuperarse da crise da Covid. “Non hai nada que encha máis ao ser humano que o contacto coa terra. Somos terra, aínda que vivamos en cidades. Así que temos que apostar polo noso, e mercar planta ornamental, é unha marabilla poder plantala na túa casa ou no teu balcón, que queda o cheiro á terra e a vista marabillada de cores e vai permitir rachar co sedentarismo. E temos que regalar flor –apuntou Carmela Silva-. E o temos que facer ao longo de todo o ano. Porque quen compra flor é feliz cando a compra pero cando o regala é dobremente feliz. Merquemos as nosas plantas e flores, que agora amais teñen un selo de calidade e non hai flor nin planta mellor ca nosa”.
Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, destacou que o novo selo “é mais que un paso ao recoñecemento ao traballo das persoas Baixo Miño que fan posible esta actividade e con el queremos que todas as persoas que queiran desfrutar dela nos coñezan e recoñezan nos puntos de venta habituais”. “Queremos engadir un elemento máis de mimo e cariño ás plantas e flores que compartimos e que desexamos desfrutar”, sinalou. Subliñou así mesmo o concepto de sustentabilidade que marca estes cultivos da planta ornamental e flor cortada, “a fonte principal de ingresos do territorio”, como un recoñecemento “ao valor da terra, a terra que nos permite desenvolver a actividade profesional, baseada no cultivo e o mimo dos nosos produtos”. “E por isto que nos debemos a ela, asegurando o respecto a través das nosas técnicas e produtos de cultivo respectuosos impacto no solo e a xestión de recursos hídricos –dixo-. E máis alá, comprometémonos coas persoas que confían en nós e buscan nas nosas plantas un espazo de desfrute, de descanso e reencontro co noso espazo natural”.
No acto participaron tamén as alcaldesas do Rosal e Tomiño, Ánxela Fernández e Sandra González. A primeira destacou que o sector da planta e a flor “danos agora máis vida se cabe” e subliñou o papel estratéxico que teñen as mulleres nestes cultivos “e que se ve neste vídeo”. O novo selo de calidade responde, “dálle máis valor engadido a este sector”. “Son moitas as traballadoras do noso pobo que están nese sector e temos que sumar para que espazo coma este se convertan nunha realidade máis alá da vida que compartimos todas”. Pola súa banda, Sandra González, referiuse ao crítico momento que pasou o sector en Tomiño, “o epicentro da flor e planta ornamental en Galicia”, coa pandemia. “É un orgullo apostar por unha economía verde, pegada ao chan e sostible, e diso fala este selo de orixe –apuntou-. Fala de que a planta que os consumidores van a mercar é unha planta case quilómetro cero; é unha planta galega, feita aquí que non ven doutros países. Queremos que as persoas consumidoras saiban que alá onde estea a planta do Baixo Miño vai estar identificada con ese selo de orixe de planta galega, sostible, cultivada e criada con amor por esta mans femininas que é o 90% da nosa man de obra e afortunadamente tamén agora cunha porcentaxe moi alta de empresarias. Tamén destacou que a actual campaña de valorización do produto e de consumo responsable “vaise repetir ao longo dos anos”.