BREAKING NEWS
latest

468x60

header-ad

La Xunta gastará 85,6 millones en programación, seguridad y promoción del Xacobeo 2021

"RIAS BAIXAS TRIBUNA" es una web que funciona sin ánimo de lucro alguno. Es de agradecer el interés que muestras por esta opción...

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Parlamento galego para explicar as contas do departamento que dirixe para o próximo ano

Precisou que o Goberno galego traballa para preparar “o mellor dos Xacobeos posibles”

Consignaranse 35,7 millóns de euros para un Plan de choque para o reforzo do sector turístico

Unha das medidas novidosas será a creación de “seguros coronavirus”, que cubrirían gastos sanitarios, de transporte e aloxamento no caso de contaxio, tanto para o viaxeiro como para o acompañante

En total, o orzamento destinado a Turismo ascenderá a 112,5 millóns de euros, un 52,3% máis que este ano

En 2021 concluirase o Plan de infraestruturas xudiciais coa posta en marcha da Cidade da Xustiza de Vigo

O Plan de renovación das infraestruturas administrativas autonómicas suporá un investimento de 14 millóns de euros o próximo ano

Aumenta o orzamento destinado á Xustiza para continuar avanzando na modernización e no reforzo necesario para os novos xulgados e o Plan de axilización tras a crise do coronavirus


A Xunta investirá no Xacobeo 2021 85,6 millóns de euros que se destinarán a ámbitos como a programación de actividades, a seguridade, a promoción, ou a mellora de infraestruturas e paisaxes no Camiño de Santiago. Deste total, 61,7 millóns de euros corresponden á Vicepresidencia primeira e, os restantes, a orzamentos doutras consellerías que van acometer actuacións directamente relacionadas co Ano Santo.

Así o avanzou hoxe o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, que compareceu no Parlamento para explicar as contas do seu departamento para 2021, que superarán os 392 millóns de euros: a partida máis importante volverá ser a destinada á Administración de Xustiza, mentres que a suba porcentual máis destacada será a do turismo, un sector que o próximo ano precisará dun maior apoio.

Ante un 2021 que será “incerto e atípico”, o vicepresidente primeiro referiuse de forma especial ao Xacobeo 2021 “que será diferente, pero o mellor dos posibles”. Con este obxectivo, a Xunta enfocará o seu orzamento a cinco ámbitos principais.

O primeiro ámbito será a seguridade: a sanitaria, para seguir promovendo a Galicia como un destino seguro; pero tamén a viaria e a xeral, facendo fincapé na Catedral de Santiago e no seu contorno. Segundo, a través do orzamento do Xacobeo, continuaranse mellorando as infraestruturas e a paisaxe, co remate do Plan Director do Camiño 20215-2021, coas últimas obras no Camiño de Inverno, e continuando a ampliación da rede pública de albergues no Camiño de Santiago, coa posta en marcha de 6 novos albergues (Vilasantar, O Saviñao, A Gudiña, Oseira, Sobrado dos Monxes e Vigo) e o inicio das obras dos albergues de Piñor e Friol. O terceiro ámbito no que enfocarán as contas do Xacobeo será o da promoción, e o cuarto, a programación, que se presentará nos próximos días, e contará con máis de 200 actividades. Por último, o quinto eido centrarase na participación de toda a sociedade galega, a través de iniciativas como “O teu Xacobeo”.

Plan de choque para a recuperación do sector turístico


A celebración do Xacobeo suporá unha oportunidade para impulsar a reactivación do sector turístico que, ademais, recibirá un apoio adicional e específico. Así, en 2021, a Xunta consignará 35,7 millóns de euros para poñer en marcha un Plan de choque que incluirá a creación de medidas de calado como a contratación de “seguros coronavirus”, que cubrirían gastos sanitarios, transporte e aloxamento derivados da posible situación de contaxio, tanto para o/a viaxeiro/a como para o acompañante. Tamén cubriría a súa estadía no caso de ter que facer unha corentena.

O Plan de choque actuará en máis eixos: axudas directas para incentivar o consumo, con medidas como o Bono turístico ou o programa Elixe Galicia; medidas para potenciar Galicia como un destino seguro, como o seguro ou a elaboración de plans de continxencia; promoción de produtos turísticos que poidan ter unha mellor evolución no escenario actual, como a natureza ou o termalismo; e o impulso á formación e fomento da oferta turística de calidade.

En total, a Axencia de Turismo de Galicia contará cun orzamento de 112,5 millóns de euros, o que supón un incremento do 52,3% respecto ao exercicio do ano anterior, o que permitirá dar cobertura á celebración do Xacobeo e ao plan de choque do sector turístico, ademais de manter o resto de actividades de apoio e promoción do sector.

Infraestruturas xudiciais e administrativas

Segundo explicou o vicepresidente na súa comparecencia, outro punto importante das contas do seu departamento para o próximo ano son as infraestruturas. En concreto, destacou que 2021 será o ano no que se finalice o Plan de infraestruturas xudiciais, coa posta en marcha da Cidade da Xustiza de Vigo, que suma un orzamento total de 42,3 millóns.

Aínda que se rematen as actuacións previstas no Plan de infraestruturas xudiciais, a Xunta seguirá acometendo melloras na Administración de Xustiza: a nivel de infraestruturas, con aquelas actuacións que sexan aconsellables polas circunstancias, como o novo edificio xudicial da Estrada; no eido da modernización, con máis salas de vistas dixitais e incrementando a rede de videoconferencias; e no reforzo, coa dotación de persoal para os tres novos xulgados do social da Coruña, Lugo e Vigo e para o Plan de axilización da actividade xudicial tras a crise do coronavirus. En total, o ámbito da Xustiza contará con 164,2 millóns de euros, incluídos os recursos da Amtega para modernización.

As contas do 2021 tamén reservan orzamento para o Plan de renovación das infraestruturas administrativas autonómicas: un plan de lexislatura cunha dotación de 50 millóns de euros. O orzamento de 2021 recolle 14 millóns deste total, que se destinarán, principalmente, a comezar as obras de rehabilitación da envolvente térmica do edificio dos espellos de San Caetano e á reforma interior deste Complexo Administrativo, ademais de á construción dun novo edificio administrativo en Ourense. Tamén se acometerán melloras de eficiencia enerxética nos edificios administrativos da Xunta en Lugo, A Coruña, Vigo e Ferrol e remataranse as obras de acondicionamento do edificio de Benito Corbal en Pontevedra.

Aposta pola atención ás emerxencias


En 2021, a Xunta seguirá traballando en optimizar o novo mapa de emerxencias. Así, as contas do próximo ano inclúen máis de 800.000 euros para a creación de cinco novos GES e un servizo municipal de emerxencias, tal e como se acordou recentemente coa Fegamp; así como un orzamento de ata 3,3 millóns de euros para equipamentos dos corpos de emerxencias, que se sumarán aos 17,5 millóns que se levan investido neste fin desde 2009. Ademais, a vicepresidencia primeira reserva de novo unha partida de 1,2 millóns de euros para impulsar os procesos de comarcalización dos parques de bombeiros, un proceso que actualmente está á espera do Estado pola limitación imposta sobre a reposición de efectivos. En total, o ámbito das emerxencias e interior disporá dun orzamento de 31,5 millóns de euros.

Cooperación exterior e relación cos concellos

A Xunta aumentará de novo en 2021 o seu orzamento destinado á cooperación, superando o compromiso adquirido no IV Plan director de cooperación galega 2018-2021. En concreto, o aumento do orzamento destinado a este fin en 2021 será de máis do 12% e enfocarase, principalmente, na cooperación exterior, nas axudas humanitarias e de emerxencia e nos proxectos de investigación promovidos polas universidade e centros de investigación.

Seguir mantendo unha colaboración leal e unha relación fluída cos concellos será, de novo, un dos obxectivos das contas de 2021. Cómpre recordar que o Fondo de Cooperación Local contará o próximo ano con 127 millóns de euros e que a Dirección Xeral de Administración Local continuará investindo para seguir colaborando cos concellos na mellora das infraestruturas municipais, co asociacionismo veciñal ou para favorecer a transición ecolóxica a través do Fondo de Compensación Ambiental. En 2021 tamén se manterá o Plan de retirada e extinción dos niños de vespa velutina, acordado coa Fegamp para este ano, e que contará cun orzamento de 1,8 millóns de euros.

Continúase así a liña de cooperación habitual coas entidades locais e que foi especialmente destacable este ano, a través de iniciativas como a achega de material sanitario; as axudas para fomentar a prevención da covid-19 nas praias; a realización de probas de coronavirus aos corpos de policía local; ou a aprobación dun convenio para axudar a tramitar as sancións relacionadas coa covid-19 aos concellos medianos e pequenos.




« PREV
NEXT »