"RIAS BAIXAS TRIBUNA" es una web que funciona sin ánimo de lucro alguno. Es de agradecer el interés que muestras por esta opción.
..
A DEPUTACIÓN APRETA O ACELERADOR CARA AO PROXECTO DE RECUPERACIÓN DO ESPAZO PÚBLICO E MOBILIDADE PEONIL NA EP-1104 MOAÑA-COIRO
O goberno provincial aprobou o proxecto de execución para “unha actuación pioneira no Morrazo e un exemplo de como hai que tratar as estradas no século XXI”
O ambicioso proxecto de execución para a recuperación do espazo público e de mellora da mobilidade peonil do tramo da EP 1104 entre Moaña e Coiro xa ten o visto bo do goberno da Deputación de Pontevedra. A Xunta de Goberno ven de aprobar esta actuación que reformulará por completo a vía, entre os puntos quilométricos 1+200 e 1+780, estendendo a accesibilidade e a convivencia entre peóns e vehículos e dotándoa de novos servizos.
A humanización desta infraestrutura, unha das máis esperadas no Morrazo, conta cun orzamento de 690.000 € financiados na súa totalidade pola Deputación, que cubre directamente o 70% (483.000 €) mentres que o 30% restante (207.000 €) son recursos do Plan Concellos que a institución provincial achega a Moaña. O proxecto enmárcase no convenio recentemente asinado entre a Deputación e o Concello que foi cualificado de “exemplar e pioneiro no Morrazo pola presidenta Carmela Silva e a alcaldesa, Letizia Santos. Unha obra espectacular, apuntaron, que transformará Moaña. “Un exemplo, dixeron, de como hai que tratar as infraestruturas provinciais mudando o modelo vixente no século XX, no que os vehículos ocupaban todos os espazos públicos, por outro do século XXI”
O proxecto para o tramo entre Moaña e Coiro sitúase no modelo de humanizacións con zonas de convivencia e vai permitir que as persoas ciclistas e peóns teñan preponderancia, sendo a prioridade e ocupando o espazo público. De feito, dotarase a este tramo de sendas peonís/ ciclistas e unha zona de convivencia con plataforma única de formigón pero con preferencia das persoas, plataforma que xogará con materiais, cores e texturas, para poder establecer unha diferenciación entre o espazo peonil e o reservado para a circulación de vehículos. A actuación suporá, ademais, a renovación dos firmes e pavimentos, a construción dunha drenaxe adecuada á vía, a construción de estruturas de contención, renovación total da iluminación (báculos, postes e luces Led), reposición dos peches e canalización subterránea das redes eléctrica e de telecomunicacións, e mobiliario urbano e xardinería.