A primeira xornada do primeiro Foro da Cultura do Rio Miño Transfronteirizo, ‘Culturminho’, reuniu a preto dun cento de axentes culturais de ambas marxes do río no que foi o primeiro debate sobre a importancia de desenvolver unha axenda cultural conxunta que atraia públicos de maneira coordinada ao territorio transfronteirizo.
Tanto a presidenta Carmela Silva como o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez subliñaron a importancia de cooperar e converter o Miño “nunha porta aberta á cultura” creando unha rede sólida de mobilidade cultural galego-portuguesa fronte á actual programación de eventos puntuais organizados ás costas da outra parte.
Benítez indicou que é preciso borrar a imaxe de fronteira, sobre todo a día de hoxe, cando as relacións de futuro van ser moi diferentes con motivo da COVID-19. Subliñou que está latente a necesidade dunha axenda cultural que elimine a barreira comunicativa e permita ver que hai públicos obxectivos do outro lado do río. “Temos unha proximidade lingüística e cultural que hai que aproveitar e un reto por diante de traballar en conxunto”, subliñou.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou pola súa banda a importancia da Cultura como elemento fundamental da actividade humana e o seu valor de transformación social, polo que insistiu en que agora máis que nunca, coa pandemia da COVID-19 que mudou hábitos e formas, “a cultura non pode parar”.
Por este motivo, Silva destacou a importancia da celebración do primeiro foro ‘Culturminho’, xa que ademais de por en valor a cultura, céntrase nun territorio transfronteirizo no que hai que reflexionar sobre a necesidade de sumar sinerxías e facer propostas comúns a desenvolver no Sur de Galiza ou no Norte de Portugal “atraendo as miradas ata este lugar cunha tradición cultural tan potente, cunha historia tan longa e persoeiros do mundo da Cultura tan sobranceiros”.
A presidenta fixo fincapé tamén en que a cultura ten unha capacidade enorme capacidade de atracción turística, polo que indicou que a día de hoxe, cando no mundo a xente se move particularmente buscando sustentabilidade, ocio, cultura e historia, “todo iso podémolo ofertar dende este lado do mundo que é a zona do Miño, ese marabilloso mundo, que se ten que converter non nunha fronteira, senón nunha porta aberta á cultura”. Finalizou subliñando que do Culturminho sairán ideas e propostas que farán que a Deputación tome máis pulo en poñer en valor a cultura no territorio transfronteirizo.
Pola súa banda, o director do AECT Rio Minho, Fernando Nogueira, destacou que na “nova realidade será preciso un esforzo de adaptación” aos formatos dixitais, ao tempo que subliñou a necesaria organización para non programar dunha e doutra banda do río eventos case simultáneos destinados a un mesmo público, insistindo tamén en que as actividades non deben estar pensadas unicamente para unha das partes do río. Lembrou que na segunda parte do foro Culturminho, unha vez realizada a análise destes catro días de debate, poranse sobre a mesa de maneira presencial as propostas e intervencións a realizar no territorio “axustadas e coordinadas” entre ambas partes.
Xosé Aldea, responsable de Ouvirmos, a empresa encargada da organización do Culturminho subliñou que os obxectivos principais desta cita cultural do Miño son reunir aos axentes e actores da cultura transfronteiriza, valorizar as boas prácticas culturais, crear un censo de operadores transfronteirizos culturais, e tamén aumentar os públicos e dar a coñecer o territorio do Miño máis alá dos concellos e das câmaras nas que se asentan.
Plan estratéxico fronte a ‘francotiradores’
Xa no debate da primeira mesa de traballo, na que participaron o director do Festival de Cans, Alfonso Pato; o de Vilar de Mouros, Joao Pinto; da Bienal de Arte de Cerveira, e unha representantes de Entre Margens, púxose sobre a mesa a dificultade que a burocracia e os diferentes ritmos administrativos dunha e doutra parte do Minho dificultan a creación de axendas conxuntas. “Precisamos un paraugas, unha ferramenta como a da AECT, ou un plan estratéxico que capte fondos e marque obxectivos a longo prazo”, destacou Pato.
Amais, púxose sobre a mesa a existencia dun “país miñoto” cunhas características propias que é preciso desenvolver de maneira cooperativa, fronte á situación actual na que os programadores culturais síntense como “francotiradores que emerxemos de cando en vez para organizar un evento puntual”. “Somos grandes descoñecidos. Pouca xente pode dicir artistas ou directores de cine na Galiza, e tamén á inversa. Galiza é tamén unha grande descoñecida en Portugal”, subliñou o director do Festival de Cans, que avogou por un maior traballo conxunto a través de organismos que aposten por investir fondos culturais no territorio.
Na cita de mañá, tamén organizada ao abeiro do programa Smart Minho financiado con fondos europeos do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’, a charla versará sobre as experiencias de cooperación e cultura no Río Miño, con xestores e xestoras de ambas beiras como a Casa das Artes de Valdevez, o Simposio de escultura de Tomiño-Cerveira, o Folk Monçao, o IKFEM, ou Ponte nas Ondas.
O xoves tomarase como centro o teatro e baixo o epígrafe ‘Palabra e escena no Río Miño’ exporanse iniciativas profesionais como as do Museo do Cinama Melgaço, As comedias do Minho, o Play-Doc, ou o Festival de Poesía do Condado. Finalmente, xa o venres cambiará o formato e en lugar dunha charla realizaranse dous relatorios, un sobre financiamento a cargo do asesor técnico do Ministerio de Cultura e Deportes na oficina Europa Creativa, Augusto Paramio, a quen se lle queren tamén trasladar as potencialidades do territorio do Miño. Por outra banda contarase coa participación de Miguel Ángel Cajigal, divulgador cultural coñecido como @elbarroquista.