Responsive Ad Slot

Latest

latest

Pontevedra. Deputación garantiza la administración electrónica en los concellos

PONTEVEDRA.-  A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos por un importe total de 454.000 euros, ao abeiro do Plan Concellos, para A Estrada, Gondomar, Moaña, Ponte Caldelas, Vilaboa e Caldas de Reis. 

En concreto, a Deputación destina á Estrada 82.843 euros para a financiación das rutas de sendeirismo polo termo municipal da vila. Con esta actividade trátase de impulsar espazos para o paseo e a actividade física ao aire libre mediante 9 rutas de sendeirismo. Máis polo miúdo, serán 8 rutas circulares repartidas polos catro puntos cardinais do casco urbano e conectables entre si, con percorridos entre 5 e 10 quilómetros para usuarios de nivel baixo e moderado ou percorridos de ata 25 quilómetros para usuarios de maior esixencia. Tamén haberá unha novena ruta denominada “Ruta das Eléctricas” para o paseo e para cros, que segue un percorrido paralelo ao Río Liñares. As obras abranguen a limpeza e acondicionamento de sendeiros e instalación de sinalización para os percorridos. 


No caso de Gondomar, recibirá unha achega de 81.869,43 euros para a reparación e mellora da pavimentación no camiño das Laxes (Couso), que actualmente se atopa en estado irregular con fochancas e fisuras. Para darlle solución, executarase unha nova capa de rodadura e tamén se ancheará o viario nas zonas que sexa posible. Pola súa banda, Moaña contará cun investimento de 124.252 euros para o proxecto de asfaltado de varios viarios no termo municipal, concretamente no Camiño do Lazareto en Tirán, Camiño da Fanequeira en Meira, Camiño da Costa en Domaio, Camiño de Fonte Bieita e Camiño de Bouza Murilla, así como no tramo inicial Daniel Castelao.


En canto a Ponte Caldelas, a Deputación destina 84.078,65 euros para  financiar a mellora da mobilidade peonil nun tramo da rúa da Ponte, facilitando á cidadanía os desprazamentos sen vehículo motorizado. En concreto, actuarase no tramo entre a ponte sobre o río Verdugo e a praza do Bispo García Barros, reducindo a superficie destinada aos vehículos e preparando para as e os peóns e peoas todos os espazos dispoñibles. Para Vilaboa, o goberno provincial destina unha achega de 63.662,99 euros para o financiamento da conservación da envolvente do pavillón polideportivo do Toural. Deste xeito, vaise solucionar o problema de filtración de augas do pavillón paliando parte dos defectos de construción da infraestrutura, con tarefas de conservación da envolvente e de impermeabilización da estrutura. 


Por último, a Deputación tamén aprobou unha autorización para que o concello de Caldas poida dispoñer das baixas procedentes dos investimentos “Cantina do Campo de Fútbol de As Corticeiras” e da “Reposición de canalización en rúa Fornos”. Neste eido, Caldas solicita empregar as dúas baixas por valor de 17.718,48 euros para a pavimentación dun tramo de camiño desde Casaldrago ata o límite do termo municipal de Cuntis. 


Contrato ponte para garantir a administración electrónica nos concellos

A Deputación de Pontevedra tamén vén de aprobar un contrato ponte, por importe de 234.246,21 euros para que os concellos da provincia poidan seguir mantendo o servizo provincial de administración electrónica ata que entre en vigor o próximo ano o novo convenio que dará cobertura á prestación do servizo entre o 2021 e o 2025.


A presidenta da Deputación recordou que “cando chegamos á Deputación de Pontevedra os concellos da provincia non tiñan administración electrónica, cando era unha obriga legal. Tivemos que destinar recursos e impulsar un convenio para garantir este servizo, fundamental para modernizar a administración local e atender á cidadanía, en todos os concellos”. Silva asegurou que, dado que a vixencia do convenio remata este mes de novembro e polas “serias dificultades” dos concellos para facer fronte aos custos que supón a administración electrónica, o goberno vén de aprobar un novo para os próximos catro anos. Por este motivo lánzase un contrato ponte, para permitir “que de aquí a que entre en vigor o novo convenio, no 2021, os concellos poidan manter os servizos da administración electrónica”.


O novo convenio vai permitir seguir financiando aos 54 concellos, 6 entidades locais menores e 4 mancomunidades xa adheridos. Ademais, tamén posibilitará que “tres concellos que non se tiñan sumado ao proxecto da Deputación –Nigrán, Ribadumia e Vilanova- poidan facelo se así o deciden”. En liñas xerais, a Deputación asumirá “o pagamento moi maioritario do custe do proxecto” e os concellos van ter que achegar “unha contraprestación moi menor”, que se sitúa en 1.000 € para os concellos de menos de 3.000 habitantes, 1.500 € para os que teñan entre 3.001 e 5.000, 2.500 € para aqueles de entre 5.001 e 10.000 habitantes, 3.500 € para os concellos con entre 10.001 e 15.000, 4.500 € para os de entre 15.001 e 20.000 e 5.500 € para os que sumen entre 20.001 e 30.000 habitantes. 





Don't Miss
© all rights reserved
made with by templateszoo