Responsive Ad Slot

Latest

latest

Deputación Pontevedra reparte otro millón entre Moraña, Tui, Rodeiro, O Grove e A Illa de Arousa

PONTEVEDRA .- A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas do Plan Concellos 2020 por importe dun millón de euros, que beneficiarán aos municipios de Moraña, Tui, Rodeiro, O Grove e A Illa. Estas axudas permitiranlles abordar investimentos relacionados coa mellora dos viarios urbanos e dotacións de equipamentos municipais.

O Concello de Tui recibirá achegas, por preto de medio millón de euros. Con 154.352 euros poderá financiar o acondicionamento da ruta peonil e vía ciclista na rúa Loureiro, en Veiga do Louro, destinado á mellora dos equipamentos e a súa humanización con elementos ornamentais para dotar ao percorrido dunha singularidade especial. Amais, poderá habilitar dúas áreas recreativas para o desfrute  da veciñanza, no recinto do antigo Colexio Rural Agrupado de Bornetas, en Caldelas (107.105€), e no lugar da Gándara, en Guillarei (127.676 euros), ambas dotadas con diverso mobiliario de xogos infantís e tamén de elementos biosaudables. Tamén recibirá 93.877 euros para a renovación da capa de rodadura da devandita rúa Loureiro.


Moraña beneficiarase de dúas achegas, unha por 111.027€ para as obras de mellora urbana na rúa 1 de Santa Lucía. Trátase da rúa principal do núcleo municipal e estes traballos prevén a reforma das beirarrúas existentes e a eliminación das barreiras arquitectónicas, a fin de mellorar a mobilidade e accesibilidade do centro urbano. Estas obras completan outras realizadas na contorna, co fin de revitalizar Santa Lucía, poñer en valor a Carballeira como zona verde e modernizar a súa contorna para facela accesible á poboación. A outra achega, de 86.157 euros, permitirá acometer a regularización de trazado e renovación de pavimento en camiños municipais da parroquia de Lamas. As obras están previstas en camiños situados nos lugares do Souto, A Aldea da Fonte e Grixó, na parroquia de Santa Cruz de Lamas. Amais da renovación do pavimento, realizaranse tamén actuacións de mellora da seguridade viaria. 


Rodeiro, recibirá unha achega de 197.411 euros para a mellora de accesos e a pavimentación de rúas en varios núcleos municipais. En concreto, arranxaranse as de Failde (parroquia de Santo Estevo do Salto), Vilela (na parroquia de Santa María de Vilela), A Torre de Carboentes, Carboentes e Bardelás (Santo Estevo de Carboentes),  Pescoso (Santa Mariña de Pescoso), Paredes (Santa María de Alceme) e Ourín (na parroquia de San Martiño de Asperelo).


A Illa de Arousa disporá de 151.757 euros para a adecuación do aparcamento disuasorio do Bao, proxecto que forma parte das medidas para a redución de CO2 dentro da economía baixa en carbono. Este estacionamento disuasorio sitúase á entrada do municipio e funciona como aparcamento ocasional, aínda que sen adecuar a este uso. O Concello sinala que no verán prodúcese un colapso de tráfico coa entrada de vehículos que acceden ás praias. Coa adecuación deste estacionamento, resolverase a necesidade do acceso ao municipio para que as persoas, unha vez aparcado o coche, poidan utilizar outros medios máis sostibles para desprazarse.


Por último, O Grove percibirá 62.054€ para financiar os traballos de reparación no edificio do club de deportes náuticos. Con estas obras acometeranse as melloras necesarias para garantir a estanquidade e, polo tanto, o confort, salubridade e seguridade de todas as persoas usuarias. Incluirán a reparación das fachadas e cubertas planas da edificación, que se atopan bastante danadas, de xeito que na actualidade se producen filtracións de auga de forma habitual.


Outros cinco concellos da provincia terán caldeiras sustentables

Na aposta pola sustentabilidade, o goberno provincial tamén vén de adxudicar, cun importe de 437.030 euros, as obras de substitución de caldeiras de gasóleo por biomasa en outros cinco concellos, para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono ao abeiro das convocatorias do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do IDAE. O obxectivo é a sostibilidade e a eficiencia enerxética de instalacións da Guarda, Salvaterra, Mondariz, Portas e Caldas de Reis coa redución das emisións contaminantes e un aforro enerxético do 25%. Amais, as obras levan aparellada a redución dos custes de subministro de gasóleo para as arcas dos concellos e teñen grandes beneficios ecolóxicos, xa que permiten aforros de emisión de CO2 á atmosfera.


Con estas achegas A Guarda vai substituír a caldeira de gasóleo do Centro Cultural, mentres que Salvaterra acometerá a substitución das caldeiras no Concello, o Centro Cultural e no Xulgado de Paz. Pola súa banda, Mondariz cambiará a caldeira do Centro Social; Portas, as do edificio da Azucreira, a gardería e o Centro de Día; e, por último, Caldas substituirá a da piscina.


Administración electrónica nos concellos e entidades locais

O goberno tamén aprobou o expediente de contratación para o novo convenio que garantirá a implantación, uso e soporte da administración electrónica para os concellos e as entidades locais da provincia ata o 2024. O contrato parte dun orzamento base de licitación de 578.500 € para o 2021 e conta cun valor estimado de preto de 1,9 millóns de euros para todo o período  



Silva, mandamás de la Deputación


Don't Miss
© all rights reserved
made with by templateszoo